Silleda converterase nestes días no mellor escaparate para o Corpus de Ponteareas. O Concello participará ata mañá domingo na Semana Verde de Galicia formando parte do stand do Xeodestino Condado-Paradanta, onde dará a coñecer a todo o público participante a única festa galega de arte efémero declarada de Interese Turístico Internacional.
Trátase dunha oportunidade “para achegar unha das nosas festas máis emblemáticas aos miles de visitantes que pasan cada edición por esta feira que acolle unha morea de certames turísticos paralelos, como Turexpo Galicia ou Festur”, como salienta a concelleira de Turismo, Eva Gil Solla.
Durante a fin de semana, as e os participantes na feira de Silleda poderán descubrir o gran patrimonio cultural ponteareá dunha festa coa arte floral como protagonista e que cada ano se vive de forma intensa nas rúas do municipio. O Xeodestino ocupará o stand 24, situado no pavillón 1, onde se promocionará o territorio e as súas festas de interese turístico como destino.