Sábado, 3 Maio de 2025

Ponteareas inicia o procedemento para a urbanización da área comercial do Eroski Center

A Xunta de Goberno do Concello de Ponteareas aprobou o pasado luns os estatutos e bases de actuación para o desenvolvemento urbanístico da área comercial situada na parroquia de Angoares, de preto de 30.000 m2, na que se sitúa o Eroski Center. A entidade comercial promove esa urbanización coa que se porá fin a 14 anos de incerteza sobre o futuro do equipamento comercial e sobre as posíbeis consecuencias económicas para o Concello.

O Goberno local explica que no ano 2002 o goberno presidido por Nava Castro concedeu a licenza para a construción do centro comercial. A licenza foi anulada polos Tribunais en 2008 ditándose unha orde de demolición que obrigaba ao Concello a executala asumindo os seus custos. Ademais, de levarse a cabo a demolición, a administración municipal podería enfrontarse a reclamacións económicas de enorme contía por parte da entidade comercial, xa que a construción fora levantada con autorización municipal.

O alcalde en funcións, Roberto Mera, salientou que grazas ao PXOM aprobado por este goberno “damos solución a un gravísimo problema que herdamos de épocas anteriores e que podía prexudicar de xeito extraordinario á veciñanza de Ponteareas. Evitamos o risco de ter que facer fronte a indemnizacións millonarias e damos certeza e tranquilidade a numerosas persoas que traballan nesa actividade”. Mera sinalou que o PXOM tamén vai posibilitar a continuidade de actividades no polígono da Lomba sobre as que pesaban ordes de demolición, ademais de fomentar e atraer novos investimentos comerciais e industriais de emprendedores e empresas que xa amosaron ao Concello o seu interese por instalarse en Ponteareas.

A tenenta de alcalde, Chus Garrote, tamén se amosou satisfeita porque “o Plan Xeral comece a dar os seus froitos con resultados concretos e visíbeis, resolvendo problemas, contribuíndo a un maior desenvolvemento económico e a un crecemento ordenado e sustentábel de Ponteareas”.