Venres, 24 Xaneiro de 2025

Ponteareas inicia a humanización da rúa Fernández Vega

Os traballos, cun investimento superior aos 205.000 euros, conlevarán restricións de tráfico durante varios meses

O Concello de Ponteareas comezou hoxe as obras de de humanización da rúa Fernández Vega, que afectan ao espazo comprendido entre o Auditorio Municipal e a Praza de Abastos, e que suporán unha remodelación total dun dos espazos que máis afluencia de persoas rexistran ao longo do día. Paralelamente, a Concellería de Mobilidade e Tráfico, que xestiona Roberto Mera, puxo en marcha a regulación de tráfico temporal derivada da execución destes traballos.

Mera, xunto aos responsabeis da empresa adxudicataria e a Policía Local, verificaron durante a mañá os cambios na circulación, a instalación de letreiros informativos con intinerarios recomendados, a colocación de sinalización provisional e os cortes de rúas.

Durante a execución das obras que se prolongarán varios meses, o tráfico estará cortado na rúa Fernández Vega á altura da rúa Estrada que tamén quedará bloqueada á circulación de vehículos. Nalgún momento puntual será necesario cortar a rúa Morales Hidalgo á altura da Praza de Bugallal. Desta maneira o tráfico procedente da rúa Braña deberá continuar pola rúa Perillana ou por Reveriano Soutullo. O tráfico procedente da rúa Castiñeira deberá continuar por Reveriano Soutullo ou Braña e os vehículos que circulen por Morales Hidalgo e por República Arxentina deberán sair necesariamente pola rúa dos Ferreiros.

Os taxis estarán autorizados a circular pola rúa peonil da Esperanza e para a carga e descarga habilitáronse dúas zonas amplas na rúa Fernández Vega, colindando coa zona de obras.

Por outro lado, manterase o acceso peonil á praza de abastos para que a clientela poida seguir realizando as súas compras con normalidade.

As obras foron adxudicadas por 205.444,92€ e están enmarcadas na estratexia ‘Ponteareas, hábitat saudable’ que conta co financiamento dos fondos de desenvolvemento rexional da Unión Europea (fondos FEDER) que custean o 80 % e dos fondos propios do concello que se fai cargo do 20 %.

A reforma que creará unha plataforma única entre os dous edificios, como se dunha praza se tratara, manterá a circulación de vehículos. Estes deberán subir á plataforma e circular a tan só 20 km/h, garantindo así a seguridade dos peóns. O obxectivo da actuación é converter esa zona comercial con grande movemento de persoas nun amplo espazo peonil atractivo, agradábel e seguro, con mobiliario urbano como bancos, nova iluminación e arborado de certo porte.