Sábado, 3 Maio de 2025

Ponteareas homenaxea o traballo invisible que existe detrás do Corpus no seu cartel de 2023

O ilustrador ponteareán Pablo Prado é o autor do cartel deste ano, no que se representa por primeira vez o deseño das alfombras

Ponteareas arranca con forza os preparativos do seu tradicional Corpus Christi. A alcaldesa, Cristina Fernández; a concelleira de Turismo e Promoción Económica, Eva Gil; e o concelleiro de Eventos, Miguel Bouzó, presentaron este xoves xunto ao ilustrador Pablo Prado o cartel que será a imaxe dunha nova edición desta festa tradicional.

“Estamos desexando volver vivir o noso Corpus, unha festividade que destaca polo seu significado histórico e cultural, que nos permite resaltar as nosas tradicións, manter vivo o noso patrimonio cultural, promover o turismo e fomentar unha unión e un traballo colectivo únicos”, salientou Cristina Fernández.

O cartel anunciador foi deseñado polo ilustrador e caricaturista Pablo Prado, gañador de numerosos premios polo seu traballo no eido da banda deseñada, que recolle na súa creación o traballo invisible que hai detrás do Corpus e que por primeira vez representa o labor do deseño das alfombras. “A imaxe busca destacar o nivel de mobilización das persoas da vila, que se xuntan para realizar un traballo colectivo, anónimo e desinteresado co que enchen de cor as nosas rúas”, salienta o autor.

Un sentir que espertou nel sendo cativo grazas ao tesón dunha das súas profesoras, que cada ano levaba ao seu alumnado a ver e experimentar o traballo do desfollado en San Gregorio. “Para min era fascinante ver a esas mulleres de todas as idades, a vitalidade, as risas, o ben que o pasaban e todo o seu saber sobre flores e plantas e que tan ben representa o patrimonio inmaterial do noso Corpus”, subliñou. Esa profesora tamén facía os deseños do seu tramo, un traballo que describía sempre con misterio. Unha das súas propostas é a que aparece no cartel, “un deseño real recollido nunha investigación que fixo a miña nai e unha compañeira en 2009 para o colexio no que son profesoras e que recolleu rexistros gráficos de todo ese traballo previo que me serviu de inspiración”.

Pablo Prado estudou no Garaxe Hermético, a escola profesional de cómic e ilustración de Pontevedra e comezou en 2016 a facer traballos de humor gráfico e caricatura para varios xornais galegos. Foi gañador do premio de banda deseñada do Garaxe Hermético con ‘Nerea e o príncipe da Sorte’, un traballo con guión de Miguel Rojo e publicado pola editorial Xerais. Dende hai anos colabora ademais en proxectos vinculados á loita pola igualdade como a asociación feminista FestiVal das Brétemas ou SOS Racismo Galicia.

Co deseño de Prado, o Concello aposta unha vez máis por creadoras e creadores ponteareáns para o cartel do Corpus Christi, Festa de Interese Turístico Internacional, o que, como salientou a alcaldesa, “é sen dúbida un grande escaparate de todo o talento, creatividade, orixinalidade e calidade que temos a sorte de ter na nosa vila. É unha forma de involucralos e achegalos de forma directa a unha tradición moi arraigada en Ponteareas e que perdurará durante moitos anos da man das novas xeracións”.