O Concello de Ponteareas realizou a pasada fin de semana unha homenaxe a figura e legado de Alfonso Daniel Rodríguez Castelao polo aniversario do seu nacemento e para celebrar o Día da Ilustración. O concelleiro de Cultura, Fernando Groba, falou da importancia do galeguista e lembrou que “foi e será un referente de loita, amor e traballo polo noso país que ten que servir de exemplo para as novas xeracións de galegos e galegas”.
O edil salientou a importancia de “reivindicar o legado do pensador, artista e político galeguista que estivo disposto a todo por mellorar a vida dos galegos e galegas”, ao tempo que destacou “o enorme valor artístico e retratista das súas ilustracións”.
Durante a homenaxe o equipo do Concello de Ponteareas estivo acompañado pola música do grupo de gaitas Naiama e algúns veciños e veciñas que tamén quixeron homenaxear ao autor de “Sempre en Galiza”.