Domingo, 4 Maio de 2025

Ponteareas fai balance da recuperación do espazo público para as persoas cun acto o venres 9

O Concello de Ponteareas celebra o vindeiro venres 9 de decembro, ás 20:00 na sala multiúsos do auditorio municipal, un acto público para expoñer á veciñanza as actuacións realizadas nos últimos anos para recuperar o espazo público para as persoas, ademais dos proxectos de futuro.

Logo da xornada da Facultade Ágora da Deputación celebrada recentemente en Ponteareas para dar a coñecer a persoal técnico e representantes políticos o modelo de mobilidade do Concello, o Goberno local quere facer balance coa veciñanza dunhas políticas que están a supoñer unha fonda transformación do centro urbano.

No acto exporanse de xeito gráfico, con imaxes comparativas anteriores e actuais, as actuacións realizadas nestes anos que abranguen dende a creación de itinerarios peonís onde non existían, a súa ampliación onde eran moi estreitos, a protección visual dos pasos de peóns e a peonalización de numerosas rúas, así como as obras de humanización en espazos como o Complexo Deportivo Álvaro Pino e Centro de Saúde, a Praza Dr. Fernández Vega, a rúa San Roque, Redondela, Trobador Xoán García ou Paseo Matutino, entre outras.

Ademais das actuacións xa executadas, as persoas asistentes ao acto coñecerán a través de infografías os proxectos de transformación das rúas que hoxe están peonalizadas de xeito transitorio ou táctico. A nova política de estacionamentos, baseada en grandes aparcadoiros como o de Granitos de Galicia ou o de Sarmiento Rivera, xunto co novo modelo de zona azul, de dúas horas e en horario de mañá e tarde nas avenidas, tamén será obxecto de avaliación.

Por outra banda no acto trasladarase á veciñanza, con cifras e información gráfica, como as medidas implementadas contribuíron á redución do tráfico a motor, das emisións contaminantes e dos ruídos en favor de modos de mobilidade máis sostíbeis e saudábeis como camiñar ou desprazarse en bicicleta, “convertendo a Ponteareas nun exemplo na loita contra o cambio climático e nun pobo máis amábel, atractivo e inclusivo, onde o espazo público se está a devolver á xente en xeral e, en particular, aos colectivos máis vulnerábeis coma os nenos e nenas, as persoas maiores ou persoas con discapacidades”, sinalan dende o Goberno local.

No acto intervirán a alcaldesa, Cristina Fernández Davila, e o concelleiro de mobilidade, Roberto Mera.