Domingo, 4 Maio de 2025

Ponteareas estrea un corazón solidario para a reciclaxe de tapóns de plástico

Trátase dun contedor con forma de corazón e está situado na Praza Fernández Vega

O Concello de Ponteareas levou a cabo nos pasados días a instalación dun contedor con forma de corazón para a recollida de tapóns de plástico. Está situado na Praza Fernández Vega, nas inmediacións da praza de Abastos, e nel pode depositarse calquera tipo de tapón ou tapa de plástico procedente de artigos de uso doméstico.

“Desde o Concello entendemos que é fundamental que se traballe coa veciñanza na necesidade de tomar conciencia da importancia de reciclar a fin de adoptar hábitos máis respectuosos co medio ambiente que nos rodea, para coidar o noso planeta”, explica a alcaldesa de Ponteareas, Cristina Fernández Davila. “A iniciativa, ademais do beneficio ambiental contribúe á concienciación das xeracións futuras, así como a labores sociais”, salientou a rexedora.

A concelleira de Medio Ambiente, Rosa Covelo, indicou que “malia que xa se realizaba a recollida de tapóns no interior  do Mercado para a súa reciclaxe, coa instalación deste contedor facémola máis visíbel e cómoda para a veciñanza”. 

Cando o contedor estea cheo, os tapóns serán recollidos para darlles unha segunda vida e colaborar así con fins solidarios, xa que irán destinados a asociacións que colaboran con familias afectadas polas enfermidades raras.