Domingo, 4 Maio de 2025

Ponteareas e Mentes Novas traballan nunha campaña de prevención de consumo de drogas

O Concello continúa mantendo a súa estreita colaboración co grupo de participación infantil e xuvenil de Ponteareas, Mentes Novas, implicando así á infancia e mocidade da vila en múltiples aspectos do devir do municipio. A alcaldesa, Cristina Fernández; o concelleiro de Mocidade, Miguel Bouzó; e a concelleira de Igualdade, Verónica Carrera, mantiveron un encontro a pasada semana con varios integrantes de Mentes Novas para afondar nunha nova proposta na que mozos levan traballando varios meses.

Trátase da posta en marcha dunha campaña de prevención do consumo de drogas entre a xente nova na que se aborden ademais os efectos nocivos que estas producen nas persoas. Como sinala a rexedora, o obxectivo que Mentes Novas quere conseguir con esta campaña é “concienciar á poboación máis nova sobre os efectos que produce este tipo de consumos tanto a nivele físico como mental”.

Para conseguilo, este grupo de participación infantil e xuvenil de Ponteareas gravará un vídeo no que implicarán a persoas de ámbitos moi diferentes para que expliquen ou expoñan os seus coñecementos arredor desta temática. Con esta campaña, Concello e Mentes Novas “porán a disposición dos centros de ensino unha ferramenta única que permitirá achegar ao maior número de xente nova posible información veraz e de calidade sobre esta temática dun xeito ameno e directo”, como sinalaron Bouzó e Carrera.

Esta colaboración é unha mostra máis da importancia que ten para o Concello de Ponteareas a infancia. A vila do Tea está recoñecida dende o ano 2021 como Cidade Amiga da Infancia polo Ministerio de Dereitos Sociais e Axenda 2030, a Federación Española de Municipios e Provincias, o Instituto Universitario de Necesidades e Dereitos da Infancia e a Adolescencia (IUNDIA) e Unicef España. Trátase dun recoñecemento ao exercicio de responsabilidade feito polo Goberno municipal do BNG-PSOE para poñer no centro das decisións políticas a un grupo de poboación que é presente e futuro da sociedade: aos nenos e adolescentes.