14.5 C
Pontevedra
Venres, 19 de Abril de 2024
Máis
    HomeO CondadoPonteareasPonteareas converte a Praza Maior nun espazo libre de vehículos a motor...

    Ponteareas converte a Praza Maior nun espazo libre de vehículos a motor desde hoxe

    Ao abeiro da Semana Europea da Mobilidade, o Concello de Ponteareas deu un paso máis na recuperación do espazo público para as persoas convertendo a Praza Maior nun lugar sen vehículos a motor.

    Ata o de agora os coches podían acceder libremente á Praza Maior os días laborables entre as 06.00 e as 16.00 horas e incluso estacionar na zona situada perante a Seguridade Social. Deste xeito, durante boa parte do día numerosos vehículos utilizaban a Praza Maior como itinerario de paso dende a rúa Santa Ana cara a rúa dos Ferreiros pola Calexa. A pesares de dispoñer do aparcadoiro público e gratuíto de Santa Ana con 100 prazas dispoñíbeis a menos dun minuto, eran moitos os vehículos que estacionaban ocupando unha ampla zona da praza.

    Coa nova regulación que entra en vigor hoxe mércores 22 de setembro, Día Europeo sen Coches, a Praza Maior converterase “nun lugar seguro e tranquilo para o desfrute das persoas, especialmente dos nenos e nenas, pais e nais e persoas maiores que enchen este espazo público a diario e que viñan demandando rematar coa circulación innecesaria, na maior parte dos casos, de vehículos pola praza”, segundo explicou o concelleiro de Mobilidade, Roberto Mera.

    Segundo os datos rexistrados pola Policía Local, en días laborábeis unha media de 150 vehículos acceden á praza entre as 08.30 e as 13.30 horas, é dicir, un coche cada 2 minutos de media, dos que a metade o fan unicamente para atravesala cara a rúa dos Ferreiros.

    A regulación que se aplicará é a mesma que regula o acceso a outras zonas peonís da vila como a rúa da Esperanza ou República Arxentina. Poderase entrar na praza con vehículo a motor para acceder a garaxes. Ademais, os residentes sen garaxe e os comerciantes e a clientela poderán facelo para descargar ou recoller obxectos voluminosos cando non sexan transportábeis a pé. Tamén se poderá acceder para deixar ou recoller a persoas con mobilidade reducida. Por último, estará permitida a carga e descarga de mercadorías e repartos en horario de 08.00 a 15.00 horas. A parada para todas esas necesidades farase polo tempo imprescindíbel, non superior a 15 minutos, ampliábel en casos xustificados previo aviso á Policía Local. A parada poderá realizarse o máis preto do destino e o acceso á Praza farase polo itinerario máis curto, dende Esperanza, Santa Ana ou San Xoaquín, segundo cada caso. Os vehículos autorizados deberán circular a 10 km/h como máximo, dando sempre prioridade aos peóns e garantindo unha separación mínima coas persoas de 1,5 metros. A Policía Local comprobará se a presenza de vehículos na praza se corresponde cos supostos autorizados e  polo tempo permitido, polo que non será necesario expedir tarxetas de autorizados.

    Mera sinalou que “con esta medida avanzamos no novo modelo de mobilidade sustentábel e saudábel, nunha vila onte todo está a menos de 10 minutos camiñando e onde se ofrecen case 1.000 prazas de aparcamento ademais das existentes en rúas e avenidas para as persoas que precisan o vehículo para desprazarse ata o centro urbano”.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.