21.6 C
Pontevedra
Venres, 19 de Abril de 2024
Máis
    HomeO CondadoPonteareasPonteareas continúa traballando coa Rede de Colaboradores do EURES Transfronteirizo Norte Portugal-Galicia

    Ponteareas continúa traballando coa Rede de Colaboradores do EURES Transfronteirizo Norte Portugal-Galicia

    O Concello de Ponteareas continúa a implicarse coa Rede de Colaboradores do EURES Transfronteirizo Norte Portugal-Galicia, unha rede de cooperación para facilitar información sobre oportunidades de emprego no contexto de mobilidade fronteiriza de persoal e empresarios.

    A Axente de Emprego e Desenvolvemento, dependente da Concellería de Formación e Emprego, que dirixe Vanesa Fernández Soage, participou nas últimas xornadas postas en marcha por esta rede dirixidas a gabinetes de inserción profesional, orientadores laborais e axentes de desenvolvemento local de concellos e cámaras municipais. Nelas, ademais de Ponteareas, tamén participaron tamén representantes das cámaras municipais e AEDL de Oia, A Guarda e Salceda de Caselas, entre outros.

    Nestas xornadas de traballo as e os participantes estableceron os obxectivos da Rede de Colaboradores de cara a futuras actuacións e, tras as novas incorporacións, revisaron os procedementos de contacto e colaboración entre os municipios implicados e o EURES Transfronteirizo Norte Portugal-Galicia.

    No encontro tamén trataron os efectos sobre a mobilidade transfronteiriza do restablecemento das fronteiras entre Galicia e Portugal, con contribucións de todas as entidades participantes, así como do Blog EURES Transfronteirizo NP-G e do Boletín Mobilidade Transfronteiriza, como material de difusión e de consulta da veciñanza.

    Ao longo da xornada, as e os participantes trataron de identificar os novos obstáculos para a mobilidade detectados entre a poboación fronteiriza, como poden ser as prestacións da Seguridade Social para traballadoras e traballadores transfronteirizos, traballar simultaneamente en Galicia e Portugal por conta propia e allea ou o traballo a distancia, tanto na modalidade de teletraballo como noutras.

    Como remate final da xornada o grupo de traballo propuxo unha serie de propostas de accións relacionadas co emprego e a mobilidade transfronteiriza no ámbito municipal e decidiuse comezar a elaboración dun proxecto piloto para o deseño e implantación de manuais de apoio de determinados profesionais de cara a que poidan exercer a súa actividade en España e Portugal conxuntamente.

    EURES (Servizos de Emprego Europeos) é unha rede de cooperación entre a Comisión Europea e os servizos públicos de emprego dos Estados membro que ten a función de facilitar información sobre oportunidades de emprego e condicións de vida e traballo no Espazo Económico Europeo.

    Dentro da Rede EURES atópase o Servizo EURES Transfronteirizo, que ten como obxectivo dar resposta ás necesidades de información ligadas á mobilidade fronteiriza de traballadores e empresarios.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.