Sábado, 3 Maio de 2025

Ponteareas continúa resolvendo problemas da rede de saneamento

O Concello de Ponteareas continúa acometendo traballos extraordinarios de renovación de canalizacións e conducións de saneamento no centro urbano que afloran periodicamente mediante afundimentos en diferentes vieiros públicos. Nos últimos anos, o Concello afrontou importantes investimentos de centos de miles de euros para resolver estes problemas. Entre as actuacións realizadas destacan a executada no cruce entre a Avenida de Galicia e o Paseo Matutino, onde era habitual a saída de auga s fecais á superficie; na rúa Braña no cruce con Magnolio, onde se anegaban con augas residuais os garaxes e baixos desta rúa, ou no cruce de San Roque coa Avenida de Castelao, onde tamén se producían asolagamentos de garaxes.

O Goberno municipal lamenta ter que destinar recursos económicos a actuacións que se poderían ter evitado se a rede de saneamento se tivera realizado no seu día correctamente. O executivo local afirma que “estes problemas son consecuencia dunha nefasta planificación urbanística e dun desenvolvemento caótico da construción no centro urbano especialmente na década dos 90 e do 2000, sen que a administración municipal controlase a execución das conexións de saneamento dos novos edificios coa rede xeral, cun deixamento total das súas responsabilidades”.

“Cada vez que se abre o subsolo en calquera obra de humanización, descóbrense situacións incríbeis, con canalizacións paralelas; outras con orixe, destino ou finalidade descoñecidos; conexións mal feitas con enormes filtracións que van socavando o subsolo…”, afirman dende o goberno municipal. A realización de obras de reforma urbana como a de San Roque, a Praza Dr. Fernández Vega, Bugallal, Rúa Redondela ou agora Trobador Xoán García de Guillade están permitindo solucionar estes problemas mediante a renovación de todas as canalizacións. As obras de Trobador Xoán García permitiron comprobar que nesa rúa se atopaba o problema que provoca afundimentos na Avenida de Galicia, dende ese cruce até a rotonda con Rosalía de Castro. A pasada semana, produciuse un novo afundimento no cruce da rúa Castañal coa rúa Orotava que obrigou a cortar ese acceso e renovar as canalizacións, actuación que rematará nestes días.

O Concello agradece a comprensión veciñal ante problemas que causan trastornos e que son consecuencia dunha situación herdada que se está resolvendo para que no futuro non se volva repetir.