Sábado, 3 Maio de 2025

Ponteareas contará cun novo médico e dous pediatras grazas á lei de prazas de difícil cobertura da Xunta

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, avanzou que o goberno galego incluirá unha praza de médico de familia e dúas de pediatría no centro de saúde do concello de Ponteareasna convocatoria de prazas de difícil cobertura mediante concurso de méritos que aprobará nas vindeiras semanas.

Esta convocatoria de máis de 400 prazas, avanzada este mes polo presidente Rueda, realizarase a través da Lei 2/2022 de medidas extraordinarias para a provisión de postos de difícil cobertura, aprobada o pasado outubro no Parlamento co voto en contra de BNG e PSdeG.

Esta lei incentiva a cobertura destas prazas ao ofrecer o maior nivel de estabilidade laboral, obtendo unha praza fixa en propiedade, cun sistema de acceso máis sinxelo e áxil: un concurso de méritos que non require exame de oposición e que se resolve nuns meses.

Comesaña aclarou que o método será idéntico ao tramitado o ano pasado e que se saldou con tres profesionais facultativos de atención primaria que se incorporaron nos últimos meses con prazas fixa ao centro de saúde ponteareán. Este primeiro concurso foi tamén habilitado por unha lei votada en contra polos partidos da esquerda.

A candidata á alcaldía, Nava Castro, agradeceu a información achegada polo conselleiro e lamentou a postura do goberno local lembrando que, se por eles fora, non se podería realizar este proceso e cubrir esta praza nin Ponteareas contaría hoxe con tres facultativos fixos máis que hai uns meses.

No mesmo sentido, Castro asegurou non entender á alcaldesa por encabezar protestas e reclamacións de máis persoal sanitario mentres “o seu partido vota en contra das solucións”.