Sábado, 3 Maio de 2025

Ponteareas construirá un muro de contención no punto limpo municipal

A obra conta cun orzamento de máis de 180 mil euros financiado por fondos propios do Concello e o Plan Concellos da Deputación de Pontevedra

O Concello de Ponteareas construirá un muro de contención que garanta a seguridade da contorna do punto limpo en Alemparte (Areas), xa que a instalación municipal está construída sobre un terreo con gran desnivel con risco de desprendemento.

A alcaldesa da vila, Cristina Fernández Davila, expón que esta actuación “é urxente para reducir o perigo, sobre todo en inverno, e mellorar o servizo ofrecido á veciñanza”.

Durante a intervención tamén se aproveitará para levar a cabo a construción dun muro de peche que evite a entrada de persoas alleas ao punto limpo así como animais. Este muro de peche discorrerá na cota superior do muro de contención, establecendo así unha dobre protección.

A intervención conta cun orzamento de máis de 180 mil euros financiado por fondos propios do Concello e o Plan Concellos da Deputación de Pontevedra.