Sábado, 3 Maio de 2025

Ponteareas concederá 10.000 euros en axudas para investimentos das entidades veciñais

A Concellaría de Vías e Obras manterá unha reunión con representantes das asociacións para dar a coñecer a subvención. O obxectivo é que poidan ter toda a documentación preparada para o momento da apertura de solicitudes

O Concello prepara xa as axudas municipais destinadas a subvencionar intervencións de mellora de espazos públicos levadas a cabo por colectivos de interese veciñal, que abrirán o prazo de presentación en breve. Serán un total de 10.000 euros cos que se busca “contribuír a mellorar a calidade de vida dos e das ponteareás e a dinamizar o asociacionismo veciñal”, como salienta a concelleira de Vías, Obras e Alumeado, Chus Garrote.

A través desta convocatoria, o Concello subvencionará ata o 80 % do investimento levado a cabo polas entidades solicitantes cun límite máximo de 3.000 euros para a realización de obras e de 1.500 euros para a dotación de equipamentos. As axudas, que se adxudicarán ata esgotamento de crédito, están destinadas a asociacións veciñais, asociacións culturais e comunidades de montes e regantes para intervencións realizadas ao longo deste ano 2022.

A concellaría de Vías e Obras reunirase este venres 9 de setembro con representantes destas entidades para dar a coñecer a subvención e propiciar que as asociacións interesadas teñan preparada toda a documentación necesaria cando se abra o prazo, dada a limitada marxe de tempo coa que se conta para presentar a solicitude.