Venres, 2 Maio de 2025

Ponteareas chega ao Entroido doando sangue

O Entroido chega a Ponteareas cunha nova visita dunha unidade móbil da Axencia de Doazón de Órganos e Sangue, que estará na vila os días 16 e 17 de febreiro a disposición de todas aquelas persoas que queiran achegar a súa pinga de solidariedade. Como vén sendo habitual, o autobús estará situado na Avenida de Galicia, na parte traseira da Casa do Concello, hoxe xoves 16 en horario de 10.00 a 14.30 horas e de 16.00 a 21.00 horas e o venres 17 só en horario de mañá, de 10.00 a 14.30 horas. Para maior axilidade recoméndase pedir cita previa chamando ao teléfono gratuíto 900 100 828.

É importante lembrar que poden doar sangue toda as persoas maiores de 18 anos e cun peso mínimo de 50 kg e que se recomenda non acudir a doar se nos últimos 15 días se tivo febre, tose ou problemas respiratorios. Para doar sangue hai que almorzar e despois de xantar esperar 2 horas. Ademais, é importante levar a tarxeta de doazón, o DNI ou documento similar e informar ao médico de que se está a tomar algún medicamento. A concelleira de Saúde, a tamén alcaldesa Cristina Fernández, lembra que cada día a Axencia despraza 10 unidades móbiles e mantén abertos sete puntos fixos de doazón nos hospitais galegos, que recolle unha sangue que despois é procesada e analizada nas dependencias centrais. Só deste xeito é posíbel enviar compoñentes sanguíneos a todos os hospitais galegos para atender a milleiros de persoas doentes os 365 días do ano