Sábado, 3 Maio de 2025

Ponteareas cambiará a LED a iluminación pública de todo o concello

O Goberno municipal pode acceder a este crédito debido á boa saúde financeira do Concello

O Concello de Ponteareas continúa a por en marcha actuacións destinadas a melloras na eficiencia enerxética do municipio, que van producir un importante aforro nos gastos en enerxía do Concello. Para esta finalidade, o Goberno municipal vén de solicitar un préstamo de 1,2 millóns de euros para financiar a parte proporcional que lle corresponde ao Concello tras ter conseguido que o Instituto para la Diversificación y Ahorro de la Energía (IDAE) do Ministerio para la Transición Ecológica y el Reto Demográfico apoiase os proxectos presentados por Ponteareas.

A principal acción desta operación consiste na renovación total do alumeado público exterior por luminarias LED, tanto da vila como das parroquias, que suporá unha mellora da seguridade veciñal grazas á súa maior visibilidade, así como un grande aforro enerxético que contribúe á redución de CO2. Ademais, as outras intervencións programadas mellorarán a eficiencia enerxética de varias dependencias municipais que prestan servizos á veciñanza, así como de varios edificios de titularidade pública, como as aulas das parroquias que integran o Colexio Rural Agrupado, o CEIP Feliciano Barrera de Guláns ou dunha instalación deportiva que conta con tantos usuarios e usuarias como o Complexo Deportivo Álvaro Pino.

“Toda esta transformación lograrémola cun préstamo cuns xuros ínfimos, que ademais págase por si só, xa que é para financiar investimentos en melloras enerxéticas, que van supor un aforro de varios centos de miles de euros ao ano dos cartos de todas e todos”, salienta Francisco Alonso, concelleiro de Facenda.

Alonso recalca que “solicitamos préstamos para investimentos, e se nolos conceden é precisamente por ser un concello solvente, que goza de boa saúde económica”. “Estariamos sendo irresponsables se non aproveitásemos esta oportunidade tendo todas as ferramentas nas nosas mans, aínda que tan só fora para afondar no saneamento económico do concello”, asegura o edil.

O investimento total das actuacións a desenvolver grazas a este préstamo é de case 5,5 millóns de euros, dos cales 4,1 están subvencionados. Por outra banda, o préstamo solicitado de 1,2 millóns de euros amortizarase en 15 anos.