Sábado, 3 Maio de 2025

Ponteareas amplía o estacionamento limitado gratuíto á Avenida de Galicia, Rosalía de Castro e un tramo da rúa Carballos

A medida demandada por comerciantes e consumidores multiplicará por cinco as prazas dispoñíbeis pasando de 120 a 600 ao longo do día

O Concello de Ponteareas, dentro das medidas adoptada para o mellor reparto do espazo público para estacionar en Ponteareas, ofrecendo alternativas para as persoas que precisan desprazarse até o centro da vila en coche, ampliará a coñecida como Zona Azul gratuíta –atendendo á demanda do sector comercial e consumidores– á Avenida de Galicia, Avenida Rosalía de Castro e primeiro tramo da rúa Carballos. Ao longo desta semana dotarase a estas rúas de sinalización vertical e horizontal e parquímetros. A medida entrará en funcionamento o vindeiro 29 de novembro.

A implantación da zona azul permitirá multiplicar por cinco o número de prazas dispoñíbeis nestas rúas e avenidas, que pasarán de 120 a converterse cada día en 600 prazas ou máis, dependendo do tempo de ocupación, “permitindo repartir o espazo entre máis persoas que o precisan”.

Segundo os estudos do Concello, actualmente o 80 % das prazas dispoñíbeis son ocupadas de forma permanente ou durante moitas horas polos mesmos vehículos, “impedindo que outras persoas que o precisan poidan aparcar para facer xestións, compras ou actividades de menor duración”.

“O estacionamento é necesario para facilitar a actividade económica e a vida diaria das persoas que só poden acudir á nosa vila en vehículo de motor, por iso é tan importante habilitar medidas que permitan un reparto racional e equitativo do espazo existente”, salienta o concelleiro de Mobilidade, Roberto Mera.

Deste xeito, a partir do 29 de novembro a Avenida de Galicia, Rosalía de Castro e a rúa Carballos contarán con estacionamento limitado gratuíto os días laborábeis de 09.00 h a 14.00 h e de 16.00 h a 20.00 horas e os sábados de 09.00 h a 14.00 horas. Neses horarios un mesmo vehículo poderá ocupar a mesma praza de aparcamento un máximo de dúas horas en cada quenda, de mañá e de tarde.

Ao mesmo tempo, aquelas persoas que precisen un tempo de estacionamento máis prolongado poderán deixar os seus vehículos nos aparcadoiros sen limitación horaria máis próximos, todos eles a menos de 3 minutos andando: Granitos de Galicia, con 133 prazas; Santa Ana, con 100; Pedra Pequena, con 69 prazas; Sarmiento Rivera con 180 prazas; Rosalía de Castro con 128 prazas e Alexandre Bóveda con 32 prazas, así como no resto de rúas próximas sen zona azul.