11.1 C
Pontevedra
Venres, 1 de Decembro de 2023
Máis
    HomeO CondadoPonteareasPonteareas amplía a máis rúas e parroquias a recollida selectiva de aceites...

    Ponteareas amplía a máis rúas e parroquias a recollida selectiva de aceites de cociña usados

    A Concellería de Medio Ambiente instala novos colectores na vila e en cinco parroquias

    A Concellería de Medio Ambiente que dirixe a nacionalista Rosa Covelo ampliou a recollida selectiva de aceites de cociña usados coa instalación de novos colectores no centro urbano e en cinco parroquias que se suman á de Xinzo, a única que dispuña deste servizo.

    No centro urbano pásase de 8 a 10 colectores ademais de recolocar algúns dos existentes para asegurar unha distribución máis axeitada. Aos xa existentes na Avenida de Castelao (2), Rosalía de Castro, Daniel Ojea, Carballos e Trobador Xoán García de Guillade, engádense as seguintes novas ubicacións: Braña, Vidales Tomé, Castiñeira e Paseo Matutino.

    En canto ao rural, á parroquia de Xinzo, que xa contaba cun colector de recollida de aceite de cociña usados, únense agora as de Areas, Guillade, Padróns, Moreira e Santiago de Oliveira.

    Rosa Covelo sinalou que “a nosa intención é ir paulatinamente ampliando o servizo, especialmente nas parroquias que aínda non dispoñen de colectores propios” e animou á veciñanza a facer uso dos existentes: “é importante para o medioambiente e a nosa calidade de vida reciclar os aceites de cociña usados evitando as súas verteduras por desaugadoiros, noutro tipo de colectores ou no entorno natural”. Para facer uso desta recollida selectiva débese introducir o aceite de cociña usado nunha botella hermeticamente pechada e depositala nos colectores específicos destinados á recollida de aceites. Segundo os datos do Concello, o pasado ano recolléronse nos colectores un total de cinco toneladas de aceite de cociña usado.

    A concelleira de Medio Ambiente, Rosa Covelo, lembrou que “esta iniciativa enmárcase no noso obxectivo de avanzar na redución, a reutilización e a reciclaxe de residuos. No marco destas políticas encádrase a implementación da compostaxe individual no rural iniciada a finais do pasado ano e agora esta mellora na recollida selectiva de aceites de cociña usados”.

    LIBROS

    Xosé M. Eyré, «Ou as dúas estaredes mortas»

    Moito temos falado neste mesmo espazo dos cada vez máis difusos lindes entre xéneros literarios; de como novela e relato –tamén a poesía ou o teatro– semellan lidar pola posesión de espazos que tradicionalmente lles eran alleos e que pretenden converter en propios, alimentando así unha fusión que, no fondo, non deixa de ser a procura de novas vías de expresión aínda non transitadas.

    Raquel Castro, «Sobremesas sobre versos»

    Dende fai xa varios anos, Raquel Castro é unha das habituais na literatura infantil galega, pero a maioría dos seus traballos publicados enfocábanse cara ao mundo do teatro para nenos, onde deixou pezas de excelente facturación.

    Domingo Villar, «Síbaris»

    A morte prematura de Domingo Villar foi un duro mazazo para os amantes da literatura galega, iso é algo sobre o que coido que existe consenso a estas alturas.