Domingo, 4 Maio de 2025

Ponteareas adhírese á Rede Ágora para recuperar o espazo público para a veciñanza

A rede impulsada pola Deputación achegará financiamento, persoal técnico e formación para persoal técnico e Policía Local

O Pleno do Concello de Ponteareas, co voto a favor do goberno (BNG-PSOE) e a abstención de PP e ACIP, acordou adherirse á Rede Ágora, unha iniciativa impulsada pola Deputación e dirixida aos Concellos interesados en recuperar o espazo público para a veciñanza. Ademais acordouse designar ao concelleiro de Mobilidade e Tráfico, Roberto Mera, como representante municipal na rede.

Mera encargouse no Pleno de defender a proposta salientando que “Ágora non é un brindis ao sol, nin unha declaración de principios ou de intencións, xa que a Deputación se compromete a impulsar liñas de subvencións e axudas para os proxectos de recuperación do espazo público e das mobilidades alternativas como as que estamos a poñer en marcha en Ponteareas”. A través da rede a institución provincial tamén porá a disposición dos concellos adheridos persoal técnico especializado, organizará cursos e accións formativas para persoal técnico e Policía Local e impulsará accións de sensibilización no ámbito educativo.

Na súa intervención, o concelleiro nacionalista repasou as accións do goberno en materia de mobilidade e de recuperación de espazos públicos: “no anterior mandato sentamos as bases coa planificación e o deseño dunha estratexia clara que se traduciron nun estudo de mobilidade, a EDUSI e o Plan de Mobilidade Urbana Sostíbel (PMUS), redactáronse proxectos e executáronse obras para cambiar o modelo de vila coma un tramo do Paseo Matutino ou a praza do Mercado Municipal, San Roque, Praza de Bugallal, Rúa Redondela e o entorno do complexo deportivo Álvaro Pino. Agora faremos actuacións de reordenación de espazos en 14 rúas. E a adhesión a Ágora permitiranos obter recursos para novos proxectos e melloras na mesma liña”.

Os principios da Rede Ágora resúmense na recuperación do espazo público para as persoas e un cambio nas prioridades da mobilidade que agora pasan a estar encabezadas polos desprazamentos a pé, seguidos da bicicleta, os vehículos de mobilidade persoal, o transporte público e, finalmente, o vehículo a motor privado.