Domingo, 4 Maio de 2025

Ponteareas acolle o Campionato Galego de Bádminton sub 9 e sub 19

Ponteareas recibirá esta fin de semana case un cento de deportistas que disputarán o Campionato Galego de Bádminton nas categorías sub 9 e sub 19. Organizado polo Club Bádminton Ponteareas en colaboración co Concello o certame reunirá a rapaces e rapazas de todas as provincias galegas que buscarán facerse un oco no podio.

A competición comezará o sábado 4 de xuño ás 10.00 horas no pavillón do Complexo Deportivo Álvaro Pino, no que se celebrarán diversos partidos ao longo de toda a xornada. A organización ten prevista realizar a entrega de premios da categoría sub 9 ás 14.00 horas, mentres que a sub 19 será sobre as 20.00 horas, aproximadamente.

O concelleiro de Deportes, Miguel Bouzó, amosou unha vez máis o orgullo do Concello por “ser sede dun campionato galego de bádminton no que as nosas e nosos deportistas poderán demostrar todo o que se está a facer no deporte base en Ponteareas. O edil convidou tamén a veciños e veciñas a achegarse ás instalacións deportivas e desfrutar da xornada, que será aberta a todo o público con entrada libre e de balde.

Pola súa banda, neste campionato o Club Bádminton Ponteareas participará con seis deportistas, con Eva Lemos, Mar Rey e Wencer Lemos na categoría sub 9 e con Nuria Domínguez, Zaida González e José Vaqueiro na sub 19. Dende o club queren dar as grazas ao Concello, á Federación Galega de Bádminton e a todas as entidades e empresas colaboradoras por apoialos na organización do encontro.