Sábado, 3 Maio de 2025

Ponteareas abre o prazo de solicitude de subvencións para colectivos de interese veciñal

As axudas buscan fomentar e dinamizar o asociacionismo veciñal no municipio

Co obxectivo de contribuír a mellorar a calidade de vida local e fomentar e dinamizar o asociacionismo veciñal en Ponteareas, o Concello vén de abrir o prazo de solicitude de axudas destinadas a asociacións veciñais, culturais, regantes e Comunidade de montes para a realización de investimentos tanto de obra como de equipamentos.

O Concello ponteareán dedicará un orzamento máximo de 10.000 euros a estas axudas económicas, que poderán acadar ata o 80 % do investimento realizado cun límite de 3.000 € para a realización de obras e de 1.500 € para a dotación de equipamentos.

“O noso obxectivo é apoiar na medida do posible o traballo que están a desenvolver as asociacións en Ponteareas coa implicación de toda a veciñanza, o que sen dúbida contribúe a mellorar a realidade da nosa vila”, recalca Chus Garrote, responsable da Concellaría de Vías, Obras e Alumeado.

As entidades interesadas terán ata o vindeiro 28 de xuño para presentar a súa solicitude a través da sede electrónica do Concello. Poden consultarse as bases da convocatoria e descargar os formularios de solicitude na web municipal.

Calquera aclaración pode plantexarse a través do enderezo electrónico [email protected] ou no teléfono 986 64 22 45 de luns a venres de 08.00 a 10.00 horas.