Sábado, 3 Maio de 2025

Ponte Solidario denuncia as listas de espera para as citas de Emerxencia Social en Ponteareas

Ponte Solidario esixe que este servizo "non pode demorar unha cita máis de corenta e oito horas"

A asemblea de Ponte Solidario asegurou onte “levar meses” informando á concelleira de Benestar Social do Concello de Ponteareas sobre as problemáticas das listas de espera dos Servizos Sociais locais. As persoas que acoden a este servizo de xestión exclusivamente municipal, explica a asociación “atópanse con citas que se demoran máis de tres meses para a solicitude dunha axuda de emerxencia”. Esta realidade está a afogar ás familias cun grao de vulnerabilidade social e económica moi elevado.

Ponte Solidario leva anos denunciando a carencia de recursos materiais, humanos e económicos dos Servizos Sociais comunitarios e a Concellería responsable non aporta solucións concretas. Entre as demandas do colectivo social está a contratación doutras figuras técnicas que complementen aos actuais perfís profesionais e que garanta os dereitos de inclusión da cidadanía. Ademais, dende o colectivo reclaman que a lista de espera nun servizo de urxencia como son os Servizos Sociais non pode demorarse máis de corenta e oito horas.

Ponte Solidario, que participa xunto aos partidos do goberno municipal na Plataforma pola Sanidade Pública do Condado-Paradanta, solicita “coherencia” á hora de defender uns servizos públicos de calidade. “Da mesma forma que se reivindica a redución das listas de espera na atención primaria –afirma a Asociación– non se pode tolerar que persoas con problemas socioeconómicos graves teñan que agardar meses para ser atendidas polos servizos sociais”.

O colectivo entende que os dereitos sanitarios e de servizos sociais “deben ser unha prioridade para calquera administración pública”. Sen Sanidade Pública e Servizos Sociais Públicos de calidade “estamos atentando contra dereitos humanos fundamentais e deixando no camiño a moitos veciños e veciñas”, afirman.

O colectivo social anuncia mobilizacións na vila ata conseguir o obxectivo de que “todas as unidades de convivencia que soliciten unha cita en Servizos Sociais teñan garantida a atención en menos de corenta e oito horas”.