Sábado, 3 Maio de 2025

Ponte Solidario alerta de situacións de ‘senfogarismo’ en Ponteareas

A asociación de acción solidaria considera imprescindible que se tomen medidas para solucionar este grave problema social

O colectivo de acción solidaria ‘Ponte Solidario’ de Ponteareas, que leva traballando contra a exclusión social e a favor dunha vila con cero pobreza dende o ano 2013, informou hai uns meses ao goberno ponteareán da situación “de extrema gravidade dalgunhas persoas da vila que se atopan en situación de senfogarismo”. Desde entón, mantivéronse dúas xuntanzas co goberno local para delimitar e activar medidas de urxencia.

Ponte Solidario mostra “a súa total colaboración” para atallar con urxencia esta realidade e presentou medidas concretas á concelleira de Benestar Social que aportan unha solución inmediata. O colectivo reclama “celeridade na acción” oara evitar “a estigma e a normalización do senfogarismo e que Ponteareas sexa exemplo dunha vila que atende a toda a cidadanía e non deixa a ningunha persoa atrás”.

Ponte Solidario leva denunciando problemas de vivenda en Ponteareas nos últimos anos. De forma particular o fixo en 2015 coa publicación do Informe de Mínimos que incluía medidas concretas en materia de habitacionalidade e advertía “da situación de extrema necesidade de moitas familias”. A crise sanitaria, social e económica da COVID-19 supón un incremento de persoas que se atopan nesta situación. 

O colectivo leva anos denunciando que a maioría das unidades de convivencia que participan en Ponte Solidario teñen a hipoteca ou o aluguer como principal problemática. Esta realidade –afirma a Asociación– “debera ser motivo para impulsar políticas públicas de vivenda que servan como motor de prevención da exclusión social e da pobreza material severa”.

A ineficacia das políticas estatais, nacionais e municipais en materia de inclusión social, baseadas nun sistema social e económico que propiciou a existencia de miles de vivendas baleiras mentres moitas persoas dormen na rúa ou en condicións inseguras, “son as culpables de que veciños e veciñas se atopen nesta situación límite”, conclúe Ponte Solidario.