Sábado, 3 Maio de 2025

O sábado preséntase en Ponteareas o libro “Alejandro Viana. Un galego á fronte do rescate dos refuxiados republicanos” de Roberto Mera

A sala multiúsos do Auditorio de Ponteareas acollerá, este vindeiro sábado a partir das 20:30 horas, a presentación do libro Alejandro Viana. Un galego á fronte do rescate dos refuxiados republicanos, de Roberto Mera e publicado pola editorial Belagua.

No seu libro, Roberto Mera narra as vivencias do seu tío-bisavó na Guerra Civil, dende o labor humanitario que desenvolveu en Francia cos refuxiados e a organización da súa evacuación en barcos a América, as súas vicisitudes para eludir á Gestapo e á Falange trala ocupación nazi e a súa odisea de once meses polo continente africano para chegar a México.

No acto de presentación participarán amais do autor, Roberto Mera, o concelleiro de Cultura do Concello de Pontearas, Fernando Groba; a avogada e escritora Isabel Blanco e a editora Edurne Baines.