Domingo, 4 Maio de 2025

O programa Mocidade Viva achegará a calistenia aos rapaces

Cunha xornada de práctica e exhibición este venres 6 de maio ás 19.30 h no parque Ferro Ucha

O Concello de Ponteareas pon en marcha unha nova actividade ao abeiro do programa Mocidade Viva, co que se busca promover o lecer saudable e alternativo para rapaces maiores de 12 anos. Este venres 6 de maio a mocidade poderá desfrutar dunha xornada de práctica e exhibición de calistenia, un sistema de adestramento físico no que o único que se precisa empregar é o propio peso corporal.

A xornada terá lugar a partir das 19.30 horas no parque Ferro Ucha, unhas instalacións municipais gratuítas destinadas ao exercicio físico que conta cun circuíto aeróbico e cun cubo, un monkey bar horizontal, un banco para abdominais, unha parede sueca, barras de dominada triple francesa e barra de dominada clásica, un monkey bar de dous niveis e un monkey bar serpe e barras paralelas.

O concelleiro de Mocidade, Miguel Bouzó, anima a toda a rapazada a participar nesta actividade e coñecer de primeira man “un estilo de adestramento cada vez máis popular entre a veciñanza, xa que non require nin material nin un espazo concreto para poder realizalo e ten unha longa lista de beneficios e vantaxes”. Tamén convida aos mozos a participar nas actividades de Mocidade Viva, un programa estable de iniciativas lúdicas e formativas pensadas para a xente nova coas que ofrecerlles espazos de lecer e socialización saudables.