Sábado, 3 Maio de 2025

O PP denuncia a falta de mantemento do Auditorio Municipal

Os problemas estructurais que, segundo o Concello de Ponteareas, sofre o Auditorio Reveriano Soutullo foron hoxe achacados, por parte do Partido Popular a falta “dun servizo de mantemento” dunha instalación que foi reformada hai nove anos “e que se utiliza diariamente”.

Os populares subliñan que, ante a denuncia de filtracións, o Concello “debería solicitar un informe á arquitecta municipal para saber se son problemas de mantemento ou defectos estruturais” e bota a culpa da situación ás actividades autorizadas polo Concello como carpas e atraccións “para as que cuberta non está preparada para soportar”.

Segundo a versión dos populares, as filtracións que se producen no Auditorio Municipal “serán debidas a falta de mantemento, na rede de pluviais pola falta de limpeza dos sistemas de drenaxe, nas baixantes, sumidoiros ou polo simple levantamento dalgunha lousa de pedra ou algunha xunta de dilatación, ou mesmo derivado do anclaxe na superficie da praza do auditorio de diferentes carpas, furando o pavimento de pedra co que se danaría a capa de impermeabilización instalada no seu día”.

O PP de Ponteareas lembra que o actual Goberno leva no Concello dende o 2015 “e parece que todo segue sendo culpa do PP” e acusan ao actual executivo de “falta de xestión e de traballo” algo que “se palpa a diario nas rúas do municipio”.

En caso de que sexa un problema estructural, rematan os populares, “o alcalde terá que pedir responsabilidades xa á empresa constructora e a Deputación de Pontevedra, administración que promoveu a obra, xa que deberían saber que existe un seguro a dez anos para cubrir este tipo de erros”.