Domingo, 11 Maio de 2025

O pleno infantil abordará hoxe a análise da infancia sobre a Covid-19

O Concello de Ponteareas celebrará hoxe xoves día 20 un pleno infantil que da continuidade ao traballo xa iniciado nos anteriores plenos infantís que, de xeito estable e contínuo, vén celebrando o Concello por iniciativa da Concellería de Ensino que dirixe a tenenta de alcalde Cristina Fdez Davila.

Esta nova sesión plenaria cadra coa celebración do Día dos dereitos da Infancia entre os que se recollen o dereito a participación, constituíndose como un elemento fundamental para exercer como cidadáns, e polo tanto debendo ser potenciado en todos os ámbitos (familiar, educativo, municipal…) e mesmo en circunstancias tan complexas como as actuais, explica Davila.

“Dende o Concello de Ponteareas queremos continuar co traballo do consello municipal da infancia e adolescencia, e dar unha nova oportunidade para que nenas, nenos e adolescentes expresen as súas opinións, queixas ou suxestións ao goberno municipal”.

O pleno infantil terá lugar ás 12:00 horas e, seguindo as recomendacións e normas sanitarias, realizarase de xeito telemático a través da plataforma ZOOM.

A orde do día está protagonizada pola situación actual e os dereitos da infancia abordando, entre outros aspectos, os efectos da Covid-19 no día a día dos nenos/as, necesidades, preocupacións e propostas e peticións para o Concello.

Igual que en pasadas ocasións cada centro nomeou a dous voceiros/as que disporán dun total de 4 minutos para as súas intervencións.