Sábado, 3 Maio de 2025

O pianista Alberto Vilas presenta o seu último traballo, ‘Naialma’, en Ponteareas

Será o sábado 18 ás 19.30 horas na Sala Multiúsos do Auditorio Municipal con entrada libre ata completar aforo

“Naialma” naceu en 2020, o ano en que o mundo cambiou. É un traballo de piano só que parte da mente creativa de Alberto Vilas, un músico que durante o peor do confinamento decidiu compartir a diario a creación de nova música a través das redes sociais. A súa musica chega a Ponteareas este sábado ás 19.30 horas na Sala Multiúsos do Auditorio Municipal con entrada libre.

O concelleiro de Cultura, Fernando Groba, anima a todos os veciños e veciñas a asistir a posta escena desta “fermosa obra de jazz intimista que nos leva a percorrer o mundo interior dun músico con moito que ensinar”, xa que “Naialma” pode considerarse un autorretrato de “12 fermosas pezas musicais”.

Alberto Vilas é un músico orixinario de Redondela con formación clásica. Nas súas orixes estudou piano con Chan-RokMoon e composición con Carlos Cambeiro Alís no Conservatorio Superior de Música de Vigo. Desde 1988 ata 2020 formou parte do cuarteto instrumental de tango Tangata xunto a Laura Quintillán, Gustavo A. Barcia e Artigas Anelo. Formación coa cal ten gravados tres álbums: “Como en outubro“, “Trece“ e “ Cambra“

Pertence a varias formacións en activo entre elas a súa formación de jazz Alberto Vilas Quinteto xunto a Rosolino Marinelo, Felipe Villar, Juansy Santomé, e Javier Barral Carro con álbums como “Experianza” ou “Crónica cromática”.

Na actualidade é profesor de piano e pianista do departamento de Canto, Violoncelo, Violín, Contrabaixo, Banda e Orquestra no Conservatorio Profesional de Música “Manuel Quiroga“ de Pontevedra.