Sábado, 3 Maio de 2025

O Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana inicia o proxecto da ‘circunvalación’ de Ponteareas

O Goberno local e o PSOE de Ponteareas consideran positivo o inicio dunha actuación que,, cun orzamento estimado de 7 millóns de euros, reconducirá o tráfico cara a autoestrada das Rías Baixas

O goberno ponteareán vén de valorar positivamente o anuncio do Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana para o inicio dos traballos de redacción do anteproxecto da circunvalación ou variante de Ponteareas. Para o Executivo local trátase “dun avance positivo, un novo paso para concretar o anuncio realizado polo Ministerio no 2019, cando se comprometeu a levar a cabo esta actuación como resultado de diversas solicitudes e encontros mantidos co goberno local”.

Dende o goberno ponteareán apuntan que manterán unha actitude atenta e de máxima colaboración “para que se continúe avanzando ata lograr por fin solucionar un problema histórico creado no 1996 coa apertura da autovía sen conexión co núcleo urbano e a N-120 e que a día de hoxe sigue supondo graves prexuízos para Ponteareas”.

Por último, o goberno considera positivo “que se estuden as diferentes alternativas de trazado e se avalíe o seu impacto ambiental para que se implante aquela cunha maior viabilidade e cun menor impacto para unha zona sensible como o río Uma”.

O PSOE salienta o compromiso do Goberno do estado con Ponteareas

Dende o Partido Socialista de Ponteareas a noticia foi acollida con satisfacción porque “salienta, como xa viñamos anunciando, o compromiso do goberno de Madrid con Ponteareas” e ao mesmo tempo, engaden, “quedan en entredito os argumentos do BNG para votar en contra duns Orzamentos, que como se demostra, ainda que non se reflexe unha partida específica nos mesmos para Ponteareas, as actuacións comprometidas na Subdelegación do Goberno seguen o seu curso e avanzan según o previsto”.

Cómpre salientar que a N-120 soporta unha intensidade elevada de tráfico, “debido á mobilidade que se xenera entre a nosa vila e a área metropolitana de Vigo”, explica o PSOE ponteareán, polo que cómpre estudar unha nova conexión coa A-52 “na contorna do enlace desta última coa estrada PO-403, permitindo así redistribuir os movementos, diversificando os tráficos existentes”.

Os traballos definirán agora a alternativa máis adecuada para o novo vial, mediante a diagnose da situación de área de estudo e obtención dos posibles corredores para acoller a nova infraestructura, a definición das alternativas de trazado e posterior selección da máis adecuada para os obxectivos fixados. Asimesmo, desenvolverase a tramitación da evaluación ambiental correspondente. O orzamento estimado da actuación ascende a 7 millóns de euros, importe que se irá axustando ao definirse a alternativa.