Sábado, 3 Maio de 2025

O mercado de Ponteareas ofrece unha degustación gratuíta

A Organización de Produtores de Pesca Fresca do Porto de Vigo (OPPF-4), organiza este martes, a partir das 11:30 h, no Mercado de Abastos de Ponteareas, unha degustación gratuíta a base de distintas preparacións de rapante e pescada para que os consumidores coñezan de primeira man a marca de peixe “Fresco & Salvaxe” que está presente xa en mercados das peixarías de Vigo e a súa área metropolitana.

O produto baixo a marca Fresco e Salvaxe garante que o peixe foi capturado no mar mediante pesca extractiva tradicional e que nunca foi conxelado, tan só refrixerado, nin provén de piscifactoría. En conclusión, este selo deixa claro en supermercados e prazas de abastos, nunha soa lectura, a procedencia salvaxe do peixe para diferencialo do peixe de acuicultura ou conxelado.

Esta acción está organizada pola Organización de Produtores de Pesca Fresca do Porto de Vigo (OPPF-4), coa colaboración da Conselleria do Mar, o Fondo Europeo e Marítimo da Pesca (FEMP) e o Concello de Ponteareas.