Venres, 13 Decembro de 2024

O Concello repón 120 exemplares do fondo da Biblioteca Municipal para as catro casiñas de libros de Ponteareas

Con esta iniciativa búscase fomentar a lectura entre a veciñanza de todas as idades garantindo o acceso de balde á cultura

Co obxectivo de fomentar a lectura entre a veciñanza de todas as idades, o Concello de vén de repoñer 120 exemplares pertencentes ao fondo da Biblioteca Municipal para empregar nas catro casiñas de libros de Ponteareas. Con esta reposición consolídase unha iniciativa posta en marcha no ano 2018, a concellaría de Cultura, que dirixe Fernando Groba, quere promover o intercambio de libros, “estendendo os servizos da biblioteca a todas e todos os ponteareáns, garantindo o acceso de balde á cultura e fomentando a lectura en lugares públicos”.

Ponteareas conta con catro casiñas de libros instaladas na Praza Maior, no parque da Perillana, nos xardíns da Xiralda e no parque Ferro-Ucha, nas que acaban de incluírse novos libros de literatura infantil, xuvenil, adultos, ensaio, historia, arte… “Calquera persoa pode achegarse a estas casiñas e gozar da lectura, porque nelas pódense atopar libros de todos os xéneros e para todos os públicos”, salienta o edil.

Ademais, todas as persoas que o desexen poden incorporar libros a estas casiñas viaxeiras, que comezaron a súa andaina pola vila cun lote inicial achegado pola biblioteca municipal. Unha actividade interactiva e participativa na que cada persoa pode coller un libro e deixar outro.