Sábado, 3 Maio de 2025

O Concello de Ponteareas substituirá parte da cuberta da piscina municipal para arranxar as deficiencias que presenta

As empresas interesadas en concorrer á licitación destas obras de mellora terán ata o vindeiro 17 de xuño para presentar ofertas

O Concello sacou a licitación as obras de substitución parcial do material da cuberta da piscina municipal de Ponteareas, integrada no Complexo Deportivo Álvaro Pino, un edificio construído hai 26 anos e que presenta “un deterioro en parte das súas instalacións polo paso do tempo”. “O edificio da piscina entrou en funcionamento en 1987 e agora presenta danos substanciais nos materiais tanto da cuberta do volume principal, que abarca o vaso da piscina e as gradas, como da secundaria, que afecta aos vestiarios. Dende o Concello queremos poñer solución a estas deficiencias para que a veciñanza continúe gozando dunhas instalacións municipais en perfectas condicións”, explica Miguel Bouzó, edil da Concellaría de Deportes, área encargada das obras.

O panel sándwich da cuberta do volume principal e secundario presenta perforacións que implican a entrada de auga, zonas de oxidación da chapa, perda de fixacións e canlóns deficientes. As mesmas deficiencias presenta a bóveda de policarbonato do segundo volume, moi deteriorado e con perda de transparencia e sucidade interior.

Para arranxar estes problemas, procederase á desmontaxe dos paneis solarse situados na cuberta e substituirase o panel sándwich do volume principal e do segundo, así como a bóveda de policarbonato. Tamén se procederá a cambiar os canlóns de recollida de augas pluviais nos dous volumes e a executar os remates de encontros dos paneis e da bóveda cos petos perimetrais. Ademais, instalarase unha liña de vida para posteriores tarefas de mantemento da cuberta. Os paneis solares volverán montarse na cuberta da piscina tras as reparacións.

Estes traballos están en fase de licitación por un importe máximo de 129.470 euros. As empresas interesadas en concorrer terán ata o vindeiro 17 de xuño ás 14.00 horas para presentar as súas ofertas a través da Plataforma de Contratación do Sector Público.