Luns, 12 Maio de 2025

O Concello de Ponteareas pide manter a praza da traballadora social no Centro de Educación Especial Saladino Cortizo

A alcaldesa, Cristina Fernández Davila, e a concelleira de Benestar Social, Verónica Carrera, mantiveron un encontro coa ANPA do centro. O Concello colaborará na recollida masiva de sinaturas

O Concello de Ponteareas súmase ás reivindicacións da ANPA do Centro de Educación Especial Saladino Cortizo tras a supresión da praza de traballadora social neste curso despois da xubilación da persoa que viña desempeñando ese posto. A alcaldesa, Cristina Fernández Davila, e a concelleira de Benestar Social, Verónica Carrera, reuníronse con representantes da asociación de nais e pais deste centro, que demandan á Xunta de Galicia a recuperación desta praza, decisiva “para fortalecer as relacións entre alumnado, familias e sociedade, así como para fomentar a integración escolar e social dos nenos e nenas que teñen necesidades especiais”.

O Concello colaborará coa ANPA do CEE Saladino Cortizo na recollida masiva de sinaturas para pedir á Consellaría de Cultura, Educación e Universidade da Xunta de Galicia que se repoña de forma inmediata a traballadora social, que figura na relación de postos de traballo do centro. As persoas interesadas poden deixar a súa sinatura nas follas postas a disposición da veciñanza na propia Casa Consistorial, no centro social e na biblioteca municipal.

Durante o encontro, alcaldesa e concelleira trasladaron tamén o apoio de todo o Goberno local ás familias  do centro, que actualmente conta con entre 10 e 15 rapaces e rapazas de toda a comarca escolarizados alí e que busca acadar o pleno desenvolvemento do alumnado en todas as súas facetas, traballando aspectos intelectuais e habilidades da vida cotiá. O centro afronta agora un curso escolar “desamparado” ante a falta dunha figura de vital importancia coa que levaban contando nos últimos 50 anos. Os pais e nais salientan o importante papel que cumpría a figura da traballadora social nun centro de referencia con alumnado con necesidades especiais procedente de 16 concellos do sur de Pontevedra, moitos deles sen servizo propio de traballo social.