11 C
Pontevedra
Venres, 3 de Maio de 2024
Máis
    HomeO CondadoPonteareasO Concello de Ponteareas licita de novo a explotación da cafetaría do...

    O Concello de Ponteareas licita de novo a explotación da cafetaría do parque das Pombas

    En decembro a licitación quedou deserta polo que agora se amplía o prazo de concesión de 5 a 10 anos para facilitar a presentación de ofertas, que se deberán entregar até o 7 de xuño

    O Concello de Ponteareas anunciou a licitación da explotación da cafetaría do Parque das Pombas. A instalación hostaleira está pechada desde finais do ano 2019 cando o anterior adxudicatario renunciou a continuar coa súa xestión. A finais de 2020 realizouse unha primeira licitación que resultou deserta. Agora o Concello licita de novo a concesión mellorando o prazo de duración que pasa de 5 a 10 anos, prorrogábel por 5 anos máis, para facilitar así a presentación de ofertas.

    O anterior contrato e as súas condicións tiñan a súa orixe no ano 1998, cando o goberno do Partido Popular de José Castro adxudicara a xestión da cafetaría por un prazo de 30 anos e cun canon de 600 euros anuais, é dicir, 50 euros ao mes. Daquela, a oposición formada polas forzas políticas que actualmente gobernan na localidade, criticara o procedemento, a escasa contía do canon e a excesiva duración do contrato que obrigaba ao concello a manter esas condicións até o ano 2028.

    No novo prego de condicións establécese como renda mínima mensual 250 euros, non aceptándose propostas inferiores a esta cifra. O concesionario deberá ademais realizar varias obras: adaptación dun dos aseos ás condicións de accesibilidade esixidas, instalar saída de fumes no caso de que pretenda introducir na oferta alimentos quentes e dotar de auga quente os aseos e cociña.

    O criterio de adxudicación será a maior contía do canon mensual ofertado. No caso de empate, os criterios serán a maior porcentaxe de persoas traballadoras con diversidade funcional ou en situación de exclusión social, menor porcentaxe de contratos temporais de persoal e maior porcentaxe de mulleres empregadas.

    Establécese a apertura de luns a sábado como mínimo de 13:00 h a 21:00 horas e os domingos de 11:00 h a 21:00 horas, podendo fixarse un día de luns a xoves como día de descanso.

    As proposicións poden presentarse até o 7 de xuño no Rexistro Xeral do Concello e os pregos poden consultarse na plataforma de contratación do sector público.

    O concelleiro Roberto Mera salientou que “coa humanización da rúa Redondela, o parque das Pombas e a súa cafetaría reforzarán o seu atractivo ao mellorarse a súa comunicación peonil co centro urbano a través dun traxecto amábel e de calidade”.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.