Sábado, 3 Maio de 2025

O club de lectura da Biblioteca de Ponteareas retoma a súa actividade

O club de lectura da Biblioteca Pública Municipal de Ponteareas retomou a súa actividade dende este martes, 20 de abril.

Os clubs de lectura son o sistema máis sinxelo e máis efectivo de fomento da lectura. Están baseados na lectura dun libro de forma individual por parte dun colectivo ou grupo de persoas. Estas persoas reúnense periodicamente, neste caso unha vez ao mes, para comentar, valorar a obra e intercambiar as súas impresións.

Pero a actividade que se desenvolve nestas reunións vai máis alá da lectura, representando para os seus asistentes unha válvula de escape, un cambio de aires: a posibilidade de saír da casa e compartir, non só o pracer de ler, senón tamén as anécdotas do día a día.

O club de lectura da Biblioteca Municipal de Ponteareas foi creado no ano 2006, e na actualidade conta con 20 membros que len ao mesmo tempo unha obra literaria. Esta actividade enmarcase no programa da Biblioteca Pública Municipal para a promoción da lectura entre os diversos segmentos sociais, favorecendo o acceso ao libro e á lectura aos veciños e ás veciñas da localidade.

Para participar nesta actividade cultural, que é totalmente de balde, as persoas interesadas poden dirixirse á Biblioteca Municipal de Ponteareas ou chamar ao teléfono 986 660 765.