O Centro de Saúde de Ponteareas aplica o protocolo de Triaxe ante o estado de alerta polo COVID-19

O Servizo de Atención Primaria de Ponteareas, que presta servizo a pacientes de Mondariz, As Neves, Salvaterra, Covelo e Ponteareas, vén de aplicar o protocolo de Triaxe, recibindo na porta do centro aos e ás pacientes para derivalos á zona do centro de saúde donde serán atendidos reducindo así a posibilidade de contaxios tanto entre pacientes como entre o propio persoal sanitario.

A responsable do Centro de Saúde pide a cidadanía “comprensión e empatía co persoal sanitario” que, baixo as medidas de seguridade sanitarias pertinentes, atende a todos e todas as pacientes posibles. Nesa liña cómpre salientar que o centro de saúde local está en pleno rendemento e que si se producen cambios nas citas “é porque se está readaptando o servizo para dar prioridade ás urxencias e ao protocolo sanitario do COVID-19”, sinalan fontes sanitarias.

O servizo de saúde pide á cidadanía que antes de desprazarse realicen unha chamada aos teléfonos 986 641 048 / 986 661 000 “pode ser que nese momento o servizo estea desbordado, os e as usuarias deberán ter paciencia e chamar ata que os atendan. Hai que evitar, na medida do posible, todos os desprazamentos e contactos e dar sempre prioirdade ás urxencias reais”.

Todos e todas os que consideren que teñen síntomas de coronavirus deben chamar ao 900 400 116/ 900 400 016.

Todos os e as pacientes que o persoal sanitario considere que poden ser atendidos por teléfono recibirán nestes días unha chamada do centro de saúde para atender aos síntomas, diagnosticar e prescribir as mediciñas.

Ademais, pide responsabilidade e colaboración “hai que evitar saídas innecesarias e actividades de risco porque o persoal sanitario debe centrar os seus esforzos en mitigar o virus e cantas menos incidencias e patoloxías diversas teña que tratar máis poderán traballar en atallar a pandemia”.

Recomendan, doutra banda, a necesidade de “extremar as precaucións” polo que “todos e todas debemos illarnos para que o número de contaxios sexa o menor posible”

No que fai referncia ás curas domiciliarias, o Centro de Saúde sinala que o persoal do centro “as está atendendo con normalidade” pero que si, chegado o caso, se tiveran que reducir as visitas para centrar os seus esforzos nas urxencias, “pedirán a colaboración das familias para que coa debida formación e información as poidan realizar”.

Finalmente, a traballadora social tamén continúa desenvolvendo o seu labor “aínda que coas visitas domiciliarias suspendidas”, polo que aqueles informes que precisen desprazamento ao domicilio quedarán aprazados ata que non se levante o estado de alarma.