Sábado, 3 Maio de 2025

O BNG amosa o seu apoio ás reivindicacións dos salóns de peiteado e barberías para a rebaixa do IVE

O Bloque ten presentado iniciativas no Congreso solicitando a rebaixa ao 10 %

O BNG vén de amosar en Ponteareas o seu apoio ás reivindicacións do sector dos salóns de peiteado e barberías, que teñen convocadas mobilizacións para este mércores nas que reclaman que se rebaixe o IVE até o 10 %, tal e como leva reclamado o Bloque nos últimos anos.

A través do seu deputado no Congreso, Néstor Rego, o BNG xa presentou unha emenda ao proxecto de Orzamentos Xerais do Estado 2021 na que reclamaba que se devolva o sector de beleza, barbería e a estética ao IVE reducido de 10% ao seren un servizo de primeira necesidade.

“En 2012 o Goberno do Partido Popular, presidido por Mariano Rajoy, decidiu incrementar o IVE, provocando que os salóns de peiteado que pagaban 8 % de IVE por seren considerados servizos esenciais, pasaran a pagar 21 %. O mesmo aconteceu coa estética, que pasou de 16 % a pagar 21 % de IVE”, lembran dende o Bloque.

Neste sentido, o BNG afirma que “esta suba até 21 % no ano 2012 debía ser temporal, polo que a maioría dos profesionais asumírona sen que iso repercutise no prezo final para as e os clientes. Neste contexto actual de pandemia, no ano 2020 os salóns de peiteado tiveron unha caída na facturación que na maioría dos casos supera 50 % en comparación co ano pasado”

“A actual situación fai que moitos pequenos negocios se vexan afectados pola crise causada pola COVID19 e está a provocar que a capacidade de supervivencia de moitos salóns de peiteado se encontren en perigo”, indica o BNG. “Coa rebaixa do IVE, facilitaríase que estes locais continuaran abertos e puidesen seguir pagando impostos, evitando desta forma que aumentase a economía somerxida no sector. Ademais, serviría como medida de fomento do consumo e permitiría unha suba na recadación” subliñou a formación nacionalista.

Acompañando a petición da rebaixa do IVE, o BNG presentou tamén outra emenda aos Orzamentos Xerais do Estado en que se reclamaba a creación dun plan de axudas específico para o rescate de pequenos negocios e autónomos, do cal este sector podería verse beneficiado.

O Bloque afirmou que seguirá traballando “para que poidan saír adiante todas estas medidas que dende o BNG impulsamos e que PSOE e Podemos non quixeron incorporar aos orzamentos do Estado”.