Sábado, 3 Maio de 2025

O auditorio reabre as súas portas cunha homenaxe a Reveriano Soutullo e o monólogo de Federico Pérez

O acto será este venres 14 de abril ás 21.30 horas e rematará cunha actuación musical

O auditorio municipal de Ponteareas reabre as súas portas. Este venres 14 de abril as instalacións volverán abrirse ao público tras as obras realizadas polo Concello para a impermeabilización e reparación dos graves danos causados polas filtracións tras unhas obras de executadas incorrectamente en 2010 e que obrigaron ao peche deste espazo hai dous anos para garantir a seguridade dos usuarios.

Tras cinco meses de traballo e un investimento de case 167.000 euros financiados ao abeiro do Plan Concellos 2022, o auditorio municipal subirá de novo o seu pano a partir das 21.30 horas cun evento aberto a toda a veciñanza que comezará coa presentación dun documental ‘Ponteareas, paisaxe sonora de Reveriano Soutullo’. Tras a proxección da peza, o protagonista será o monologuista e actor Federico Pérez, moi coñecido polos seus papeis como Moncho en ‘Era Visto!’ ou como Josito en ‘Padre Casares’ e gañador dun Mestre Mateo ao mellor actor de reparto por ‘O corpo aberto’. O cómico fará pasar un bo momento ao público compartindo todo o aprendido nas tabernas para converterse nun gran humorista. O acto concluirá cunha actuación musical.

“Esta fin de semana recuperamos unha instalación emblemática para a vila e devolvemos a vida ao seu escenario. E facémolo do mellor dos xeitos, cunha pequena homenaxe ao célebre compositor ponteareán que lle dá nome ás instalacións, Reveriano Soutullo”, salienta a alcaldesa, Cristina Fernández.

Con estes traballos, que forman parte da primeira fase do proxecto de integración do auditorio municipal na malla urbana da vila, elimináronse as principais causas de filtracións ao interior do inmoble que, segundo un informe técnico do ano 2021 chegaban ao interior do edificio principalmente pola parte central da praza, nos arredores do parque infantil, e pola auga acumulada no sumidoiro perimetral, que entraba a través dos ocos da fachada ás cámaras interiores dos muros e aos falsos teitos.

Durante os últimos meses reparáronse paredes, falsos teitos e todas aquelas zonas danadas como consecuencia da entrada de auga, remodeláronse os lucernarios cun novo sistema acristalado estanco, realizouse o saneamento da zona do parque infantil e do perímetro da praza e arranxáronse as filtracións que entraban a través das fiestras, que non tiñan un sistema para escorrer a auga, entre outros aspectos.