Sábado, 3 Maio de 2025

Nova visita a Ponteareas da unidade móbil de doazón de sangue os vindeiros 13 e 14 de maio

As persoas interesadas en acudir a doar poden pedir cita previa no teléfono gratuíto 900 100 828

Ponteareas acolle unha nova visita dunha unidade móbil da Axencia de Doazón de Órganos e Sangue, que esta mesma semana estará a disposición de todas aquelas persoas que queiran achegar a súa pinga de solidariedade. O autobús estará situado na Avenida de Galicia, na parte traseira da Casa do Concello, en diferentes horarios. O venres 13 de maio as persoas interesadas poderán acudir a doar sangue de 10.00 a 14.30 e de 16.30 a 21.00 horas, mentres que o sábado 14 poderán ir de 10.00 a 15.00 horas. Para doar sangue do xeito máis cómodo e seguro pode solicitarse autocita chamando ao teléfono gratuíto 900 100 828.

É importante lembrar que poden doar sangue toda as persoas maiores de 18 anos e cun peso mínimo de 50 kg e que se recomenda non acudir a doar se nos últimos 15 días se tivo febre, tose ou problemas respiratorios. Para doar sangue hai que almorzar e despois de xantar esperar 2 horas. Ademais, é importante levar a tarxeta de doazón, o DNI ou documento similar e informar ao médico de que se está a tomar algún medicamento.

A alcaldesa e concelleira de Saúde, Cristina Fernández Davila, lembra que cada día a Axencia despraza 10 unidades móbiles e mantén abertos sete puntos fixos de doazón nos hospitais galegos, que precisan entre 400 e 500 doazóns de sangue para manter a súa actividade. A sangue recollida é procesada e analizada nas dependencias centrais para despois enviar compoñentes sanguíneos a todos os hospitais galegos e poder atender a milleiros de doentes os 365 días do ano.