Sábado, 3 Maio de 2025

Na biblioteca municipal de Ponteareas ‘As cousas pequenas contan’

A biblioteca municipal de Ponteareas acolle este venres 16 unha nova actividade coa que fomentar a lectura entre a cativada dun xeito lúdico e atractivo. Ao abeiro do programa ‘Ler Conta Moito’ da Xunta de Galicia, a partir das 19.00 horas nenos de 5 a 12 anos poderán gozar coa actividade ‘As cousas pequenas contan’, de Julio Varela Aparicio.

Trátase dun obradoiro no que se busca desenvolver a creatividade entre os rapaces e rapazas asistentes, así como introducilos na creación narrativa a través do audiovisual. Durante a actuación, o público sorprenderase cunha bolsa chea de obxectos que Julio Varela precisa para a súa viaxe e explicará a súa afección a crear historias a partir de cada un deles, para o que pedirá a axuda do público asistente.

Cada neno e nena recibirá un obxecto coñecido e habitual nos fogares e deberá darlle personalidade, nome, características físicas… para crear un elenco de personaxes e animais imaxinarios crearán unha historia na que ditos personaxes serán os grandes protagonistas.

Coas actividades do programa ‘Ler Conta Moito’ búscase promover entre o público dende ben cativos e cativas non só o interese pola lectura, senón tamén a comprensión oral en galego e o desenvolvemento da creatividade e a expresión artística.

As persoas interesadas en participar nesta actividade deberán inscribirse ben a través do correo electrónico [email protected] ou ben chamando ao teléfono 986 660 765.