Luns, 9 Decembro de 2024

Marcos Porto deixa o Club Ciclista Ponteareas logo de tres anos ao fronte do mesmo

Baixo a súa presidencia, o club ponteareán rexurdiu para volver a ocupar o lugar que, por historia e traxectoria, lle corresponde no ciclismo galego e nacional

O dia 25 do presente mes, celebrarase entre os socios do Club Ciclista Ponteareas unha Asemblea Extraordinaria, onde o seu Presidente Marcos Porto Isla, presentará a súa renuncia ao cargo, unha renuncia motivada por outros compromisos persoais e “considerar que cumpriu o labor que dende o primeiro momento se propuxo e foi revivir ao Club Ciclista Ponteareas”.

Hai tres anos e medio que Marcos Porto Isla collia as rendas do Club Ciclista Ponteareas como presidente acompañado por outras dez persoas na Directiva. O panorama non podía ser máis desalentador, cun club ao borde da desaparición, con moi poucos nenos e nenas, sen practicamente subvencións, sen diñeiro nas contas e mesmo cunha imaxe bastante deteriorada.

Foron 3 anos e medio de moito traballo, tanto do presidente e directiva coma do director deportivo, Jose Francisco Veiga García. Tres anos e medio de procura de patrocinadores entre mais de 200 empresas, percorrendo os Colexios do Condado-Paradanta, cambiando toda a estrutura do Club para levalo ao século XXI.

Agora, pasado o tempo, queren agradecer “a todas e cada unha das persoas que lles prestaron o seu apoio e axuda neses momentos, moitos deles desinteresadamente para axudar aos mais pequenos e a que o Club recobrase a forza que outrora tivo”.

O traballo, teson, sacrificio, días de traballo e noites sen durmir, deron como froito que actualmente o Club Ciclista Ponteareas sexa a Escola de Ciclismo de referencia en Galicia con mais de 100 nenos e nenas, co apoio económico das Institucións e cada un dos patrocinadores e colaboradores, que sen eles non sería posible e coa axuda de moita xente que achega o seu gran de area nesta andaina.

De feito, é unha Escola de referencia tanto en Galicia como no ámbito nacional, xa que moi poucas escolas coidan con tanto agarimo a cada neno e nena dándolles a oportunidade de que poidan facer a modalidade de ciclismo que mais lles gusta. Así, agora o C.C. Ponteareas conta con ciclistas nas modalidades de Estrada (ata a categoría de Junior incluída), Minibtt, XCO, Ciclocrós, Enduro e Descenso, estando en moitas ocasións competindo no mesmo dia ata en 6 competicións distintas, e obtendo pódiums en todas elas.

O seu ‘presi’, como lle chaman os nenos e nenas do Club a Marcos Porto, deixará o cargo, pero non se desvincula da entidade, –non podería facelo– xa que continuará axudando no que o C.C. Ponteareas necesite e axudando á nova directiva.