22.2 C
Pontevedra
Sábado, 20 de Abril de 2024
Máis
    HomeO CondadoPonteareasManrique Fernández, "Os Anxos indecisos somos todos e cada un de nós...

    Manrique Fernández, “Os Anxos indecisos somos todos e cada un de nós enfrontándonos a nós mesmos”

    Manrique Fernández presenta, o venres 13 de decembro ás 20 horas na librería Cartabón de Vigo, o seu último traballo: ‘Os Anxos indecisos’, sete relatos que serven como fío condutor para abordar temas de actualidade, tan variados como as propias personaxes que falan deles.

    A primeira pregunta semella obrigada: ¿quen son os “anxos indecisos” aos que se refire o título deste libro de relatos?
    A idea nace dun texto que incluín como cita inicial, extraído dun breviario do filósofo e pensador romanés e afincado en Francia Emil Ciorán. El explica que, segundo unha lenda de orixe gnóstica, houbo unha guerra no ceo entre os partidarios de Deus e os de Luzbel, que acabaría por se converter no Demo. Pero mentres se desenvolvía esa batalla, houbo un grupo de anxos que non tomaron partido por ningún dos dous bandos enfrontados.

    Eses “anxos indecisos” serían posteriormente relegados á Terra para que aquí tomasen a decisión que non foran quen de adoptar durante a loita, de maneira que os “anxos indecisos” somos todos e cada un de nós. Eu, que son un gran amante da tradición popular, quedei fascinado con esta historia, que me fixo reflexionar moito sobre o poder das decisións nas nosas vidas. E desas reflexións foi de onde naceu o libro.

    Entón, do que vostede fala é de que as decisións poden marcar as nosas vidas?
    Si, claro, ese é o fío condutor, o elemento aglutinador de todas as historias. Ás veces tomamos decisións que cremos irrelevantes e que acaban por ter unha enorme repercusión en nós ou, ben ao contrario, cremos que nos van a cambiar a vida e apenas nos afectan, ou padecemos as consecuencias de decisións que toman outros, ou vémonos abocados a adoptar determinadas decisións…

    Esas situacións a cotío son quen de provocarnos incertidume, certa angustia perante a falla de seguridade sobre as nosas accións. Todo iso está no libro, revestido dunha maneira ou doutra, pero todos os relatos teñen algo que ver co tema das decisións e os seus efectos.

    A proximidade dalgúns dos relatos á actualidade, vén dada pola súa profesión de xornalista?

    Supoño que iso é algo do que non te desapegas nunca, aínda que deixes de estar en activo por un tempo. Son sete relatos que inclúen moitos temas de actualidade, dende o maltrato á muller ata a inmigración, a precariedade laboral, os desafiuzamentos… Pero tamén outros máis xenéricos, como a soidade, a enfermidade, a falla de comunicación…

    Supoño que a miña profesión fixo que me achegase a moitos deses temas dun xeito diferente ao que o fai o resto da xente, que ás veces non ten a oportunidade de coñecelos máis que polas referencias que os xornalistas lles damos, e esta é outra maneira de explicar o que vivimos en cada momento e facerllo chegar a todos. En calquera caso, son temas que me preocupan persoalmente e sobre os que creo que todos temos que reflexionar moito máis a fondo do que o estamos a facer.

    Manrique Fernández

    “Son moi crítico co xeito actual de exercer o xornalismo, […] moitos xornais son tendenciosos e venden unha imaxe que non sempre se corresponde coa realidade”

    Canto da súa propia experiencia persoal reflicte o relato que fala do xornalismo ao que, por certo, non o deixa vostede en moi bo lugar?
    O relato ao que te refires reflicte unha parte dea imaxe que eu teño do xornalismo, froito de vivencias directas, pero non conta un caso real nin unha experiencia persoal, se é o que preguntas; é pura ficción, pero unha ficción con base e con coñecemento de causa.

    En canto ao de non deixalo mo ben, ven dado polo feito de que son moi crítico co xeito actual de exercer o xornalismo. Ao meu entender a liberdade de prensa é un dos baluartes esenciais de calquera estado democrático que se precie de selo, pero o que está pasando nas últimas décadas é, simplemente, bochornoso. Moitos xornais son tendenciosos e venden unha imaxe que non sempre se corresponde coa realidade facéndolle o xogo sucio a políticos e empresarios, e esa é outra maneira de prostitución.

    Por suposto, hai honrosísimas excepcións, medios e xornalistas que manteñen a súa independencia e o seu caracter meramente informativo, para que a cidadanía saiba o que acontece ao seu arredor, pero a miúdo son asoballados ou ninguneados polos cartos das grandes corporacións, polo que o cidadán ten que ter moito coidado co que le ou escoita.

    Na contracapa do libro dise que as personaxes viven no límite, na fronteira. E o certo é que teñen experiencias duras, ás veces traumáticas, e sempre motivadas por un entorno que as agrede ¿Está de acordo con esta apreciación?

    Si, e por iso quixen fuxir da iconografía habitual referida aos anxos xa dende a portada. Os anxos que aparecen na capa do libro non teñen ás nin plumas, senón pugas coas que se defender desa sociedade hostil que os rodea. Non son nenos regordechos e loiros, querubíns espidos e tocando a lira, senón que somos todos e cada un de nós enfrontándonos a nós mesmos, aos nosos medos e ás nosas inquedanzas e, sobre todo, a un entorno que non deixa de nos agredir.

    Non é unha visión excesivamente pesimista da sociedade?
    Eu diría que non. As cousas que están a pasar ao noso arredor non son para ser optimistas. Fai algúns anos permitiámonos o luxo de soñar cunha Arcadia feliz e pensabamos que o mundo se movía nesa dirección, agora constatamos o noso erro: reducción de beneficios sociais, precariedade laboral, o auxe dos extremismos ideolóxicos, a incomunicación, o cambio climático, a pobreza que cada vez nos rodea máis…

    “A hipercomunicación o que está a provocar é o aillamento do individuo. Xa non quedamos cos amigos para charlar un pouco, conformámonos con facelo a través do móbil”

    Non deixa de sorprender que fale vostede de incomunicación nunha sociedade cada vez máis comunicada: redes sociais, whatsapp…
    Si, é certo, pero esa hipercomunicación o que está a provocar é o aillamento do individuo. Xa non quedamos cos amigos para charlar un pouco, conformámonos con facelo a través do móbil. Lembro que vin unha fotografía dun bar que na entrada colgou un cartaz que dicía “Non temos wifi: falen entre vostedes”. Pois ben, ¡esa é a situación! E o aillamento leva á individualidade, e esa é a mellor ferramenta que ten o poder para desmobilizar á poboación. Por iso a reducción de beneficios sociais e a miseria que nos rodea, porque non hai quen proteste contra iso, quen esixa que nos devolvan o que nos roubaron; somos incapaces de organizarnos como facían os nosos maiores nos anos 60 ou 70 (¡e que agora volven facer co asunto das pensións…!) E, ademais diso, esta hipercomunicación arrastra outra eiva que tamén é moi grave: a desinformación. Ou, por dicilo mellor, a intoxicación. Corren polas redes noticias sen fundamento ningún que chegan a seren consideradas verdades absolutas e que o único que fan é desvirtuar a realidade. E aquí poderiamos enlazar de novo co que falamos antes sobre o xornalismo e o adoctrinamento… É todo un círculo vicioso que non xera, precisamente, optimismo.

    Volvamos á literatura. Este é o seu segundo libro de relatos, pero tamén ten publicado novela, teatro, biografía… Resúltalle difícil decantarse por un xénero?
    Non é iso, é que eu son bastante ecléctico nas miñas lecturas, e iso lévame a selo tamén na escrita. En función do que queira contar escollerei un xénero ou outro. Teño unha certa predilección pola narrativa, pero iso non significa que non poida entrar noutros territorios e exploralos porque, no fondo, a iso se reduce o oficio de escribir: a explorar dentro de ti e sacar fóra o que levas dentro. E para iso calquera xénero é válido.

    Algún novo proxecto en carteira?
    Si, claro, algunha cousa hai. De feito hai varias, pero non me gusta falar de proxectos aínda inconclusos porque, en moitas ocasións, dánse a volta completamente cando están a medio facer e acaban por se converter en algo moi diferente, polo que avanzar temas ou contidos pode levar a engano mentres non se materialicen. Pero aí seguimos…

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.