14.6 C
Pontevedra
Xoves, 25 de Abril de 2024
Máis
    HomeO CondadoPonteareasEU Ponteareas congratúlase da modificación da circunvalación

    EU Ponteareas congratúlase da modificación da circunvalación

    A formación asemblearia lembra que os esforzos da Administración "deben ir na liña de reducir ás necesidades de desprazamento e o fomento do transporte público

    Esquerda Unida de Ponteareas cualificou de “boa nova” o feito de que no anteproxecto para definir a mellor solución para unha conexión entre a estrada N-120 e a autovía A-52, á altura do núcleo de Ponteareas, desbotárase a proposta inicial dunha vía paralela ao río Uma. Deste xeito, a circunvalación contemplada no PXOM pendente de aprobación e que Esquerda Unida rexeitou en todo momento pola súa grave afección ao entorno do rio Uma e por pasar a 50 m da Ponte do Cabalón, xa non será unha opción.

    O novo anteproxecto contempla tres alternativas de enlace, denominadas Corredor 1, 2 e 3. Os corredores 1 e 2 parten dende a A-52, ao oeste da estrada provincial que cruza Guláns. O corredor 1 conéctase coa N-120 á altura de A Rocha e O Picoto e o corredor 2 conéctase coa N-120 á altura da Lomba.

    Por outra parte, o Corredor 3 parte dende o enlace actual da A-52, en Moreira, cruza o río Uma en perpendicular de xeito que se reduce a afección sobre o espazo da Rede Natura 2000, transcorre ao oeste do lugar de O Cabalón e se conecta coa N-120 á altura do IES do Barral. Polo tanto, podemos dicir que con este anteproxecto o entorno do río Uma vese menos ameazado que coas propostas anteriores.

    Aínda así, con respecto ao Corredor 3, sorpréndelle a EU que neste estudio “non se tivese en conta a alternativa prevista polo PXOM de desdobramento da PO-403 polo este do lugar de Abelleira”. Esa alternativa, explica Esquerda Unida de Ponteareas, desviaría o tráfico da estrada en Angoares, co que se podería adaptar este tramo para o uso peonil, incorporar un carril bici e así fomentar a mobilidade sostible entre Angoares e Ponteareas.

    Esta nova entrada a Ponteareas conectaríase con dúas novas avenidas que, partindo desde o sur do colexio Bouza Brey, conectarían coa N-120 xunto a gasolineira e co polígono da Lomba. Como no seu momento tiña explicado Esquerda Unida, esta alternativa “crearía un acceso directo dende a A-52 ao núcleo de Ponteareas, desconxestionaría un tramo de concentración de accidentes na PO-403, tería un efecto de cosido da trama do núcleo e suporía ao mesmo tempo unha transformación do entorno de menor intensidade”. Todas estas cuestións foron trasladadas por EU ao Ministerio de Transición Ecolóxica na fase de consultas do proxecto.

    En todo caso, EU considera “unha mellora” esta nova proposta e lembran tamén o compromiso do estado de urbanización da N-120 ao seu paso polas parroquias de Areas, Arnoso e Xinzo. Sobre esta cuestión considera a forza asemblearia que ademais das rotondas propostas, “débense construír sendas peonís en ambos lados da estrada unidas con pasos de peóns con semáforos accionados con pulsador e un carril bici para fomentar os desprazamentos co núcleo por este medio”.

    Con todo, dende Esquerda Unida lembran que a súa principal opción “pasa por reducir o uso do transporte individual, fomentando o transporte colectivo e o emprego no propio concello e o uso da bicicleta nos desprazamentos de corta distancia”.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.