Domingo, 11 Maio de 2025

Este venres en Ponteareas, actividade de orientación nocturna no casco urbano

https://xestanatureza.com/inscricions/nocturnaponteareas2020/

Este venres, 4 de setembro a partir das 21 horas, terá lugar en Ponteareas unha proba de orientación nocturna organizada pola Concellería de Mocidade que xestiona Miguel Bouzó e incluída dentro do programa de actividades ‘Mocidade Viva’. A proba desenvolverase baixo estritas normas de seguridade sanitaria e distanciamento social.

A inscrición será totalmente de balde e poderá realizarse en catro categorías: Xestiñas para os máis cativos e cativas, Xestas Xóvenes de 12 a 30 anos cun nivel físico e técnico medio, Xestas para adultos con nivel físico e técnico medio tamén e Xesteiras para persoas con coñecementos de orientación e nivel físico e técnico alto.

Enmarcada na programación de Mocidade Viva, nesta proba de orientación nocturna que se desenvolverá polo casco urbano pódese participar en equipo ata un máximo de catro membros ou de xeito individual.

Durante a proba haberá que visitar todas as balizas establecidas na orde que se indica e no tempo establecido pola organización. As saídas serán escalonadas en tempo non saíndo en ningún momento dúas persoas ou equipos no mesmo minuto.

A organización facilitará unha tarxeta electrónica para ir rexistrando o paso por cada unha das balizas debéndose completar o percorrido en orde dende a saída ata a meta.

Ao rematar a proba terá lugar un avituallamento. Os tempos poderán ser consultados en tempo real coa axuda dun código que irá impreso no mapa. A inscrición a poderán realizar as interesadas e interesados nesta ligazón