Domingo, 4 Maio de 2025

Este outubro a aula CeMIT de Ponteareas camiña en dixital

A aula CeMIT de Ponteareas céntrase este outubro en camiñar en dixital. Durante todo o mes o centro organizará un curso destinado a persoas con menores habilidades tecnolóxicas para que poidan aprender a manexar o teléfono móbil e os reloxos intelixentes ao tempo que se fomenta que camiñen de forma saudable.

Un curso de balde con un total de 17 sesións de dúas horas e media de duración ao longo de todo outubro que, como sinala o concelleiro de Innovación e Desenvolvemento Tecnolóxico, Benito Márquez, “busca achegar ás novas tecnoloxías a sectores que normalmente non as empregan, promovendo a inclusión e proporcionando ferramentas para facilitar a vida cotiá a persoas de todas as idades, acabando coa fenda tecnolóxica”.

Ademais deste curso mensual, aula estará aberta ao público os luns a venres en horario de 19.30 a 21.00 horas, agás o xoves 27 (de 20.00 a 21.00 h), o venres 28 (de 16:00 a 21:00 h) e o luns 31 de outubro (de 16:00 a 21:00 h).

As persoas interesadas en realizar estes cursos ou calquera dos outros obradoiros que se ofertan mensualmente deben facer a súa preinscrición a través do espazo da aula CeMIT habilitado na web da Xunta. Para máis información poderá contactarse coa aula CeMIT no correo electrónico [email protected] ou chamando ou enviando unha mensaxe de whatsapp ao número 634 238 962 dentro do horario da aula.