Sábado, 3 Maio de 2025

Esquerda Unida e Podemos Ponteareas debaten o programa para as eleccións de maio

Na última xuntanza, que tratou sobre Servizos Sociais, Vivenda e Saúde Pública, decidiuse crear un parque de vivenda pública como eixo das políticas de protección social, aumentar o persoal dos Servizos Sociais e crear postos de profesionais inexistentes ata agora como Educación Social, Integración Social e Animación Sociocultural, esta última sería un posto a cabalo entre os departamentos de Servizos Sociais e Cultura e reducir as listas de agarda. Na xuntanza tamén se acordou apostar pola mellora do regulamento de Emerxencia Social e converter a Ponteareas unha vila sen cortes de electricidade, auga e subministros básicos.

A cuarta xuntanza celébrase na sede de Esquerda Unida (Rúa Amado Garra, 12) o sábado 25 de febreiro ás 10h co gallo de acordar o programa de goberno nas áreas de feminismo, educación e dereitos LGTBI. A número dous da lista, Patricia Pardo, declara que “As propostas en materia de feminsimo son fundamentais para construír un programa de goberno que loite por erradicar a situación de desigualdade que seguimos sufrindo as mulleres e que o actual goberno parece ter esquecido.

Este xeito de abrir o debate a calquera persoa do pobo que queira colaborar na elaboración do programa electoral, alén da súa militancia e simpatizantes, responde a ideoloxía social e colaborativa dos dous partidos, que queren que os seu programa sexa cen por cen transparente, escoite á cidadanía e presente solucións tanxibles e reais os problemas da vila, deixando de lado os panfletos cheos de promesas baleiras que soamente serven para facer campaña con fins populistas.

Dende o espazo político que forman Esquerda Unida e Podemos en Ponteareas recalcan a importancia das políticas en materia educativa desde o eido municipal, o candidato á alcaldía, Manoel Ucha destaca que “o noso espazo político aposta pola educación pública e temos claro que dende o concello debemos crear proxectos que consoliden a defensa dos dereitos educativos para toda a cidadanía. Imos colocar a experiencia profesional como docentes ao servizo da cidadanía. É moi bonito contar con tres docentes do ensino público nos seis primeiros postos da lista, con iso queda claro cales son as nosas prioridades”.