O Concello de Ponteareas pon en marcha unha nova campaña de animación á lectura cunha morea de actividades coa biblioteca municipal como escenario. Dende este 14 de abril e ata o vindeiro mes de xullo, a biblioteca acollerá cada venres “iniciativas diferentes e divertidas que sabemos que terán unha grande acollida por parte do público e que achegará á veciñanza ao pracer de ler”, como explica o concelleiro de Cultura, Fernando Groba.
Deste xeito, durante tres meses a biblioteca acollerá actividades varias máis tradicionais como obradoiros e contacontos, pero tamén iniciativas innovadoras como escape room deseñadas para o público máis novo. Todas as actividades desenvolveranse de 18.00 a 19.30 horas e estarán dirixidas a nenos a partir dos 5 anos.
Haberá prazas limitadas polo que para participar é necesario facer a correspondente reserva na propia biblioteca municipal, a través do correo electrónico [email protected] ou no teléfono 986 660 765.