8.3 C
Pontevedra
Xoves, 28 de Marzo de 2024
Máis
    HomeO CondadoPonteareasEnma González e Iván Rocha, gañadores dos premios da biblioteca ás persoas...

    Enma González e Iván Rocha, gañadores dos premios da biblioteca ás persoas usuarias con máis préstamos

    O Concello nomeounos como socios de honra e entregoulles un lote de libros e varios marcapáxinas

    A biblioteca pública municipal de Ponteareas está de celebración. Coincidindo do Día das Persoas Usuarias das Bibliotecas, a alcaldesa de Ponteareas, Cristina Fernández Davila; a segunda tenente de alcaldesa, Chus Garrote; e o concelleiro de Cultura, Fernando Groba, entregaron os agasallos ás socias e socios con máis préstamos durante todo o 2021. 

    Na categoría infantil, a gañadora foi Enma González Fernández, con 91 libros collidos en préstamos durante o pasado ano. O segundo lugar foi para Iker Saavedra Parada, con 88 libros, e o terceiro para Sabela Solleiro González, con 78 libros prestados.

    Pola súa banda, Iván Rocha Taibo foi o gañador na categoría de adultos, cun total de 52 libros en préstamo o pasado 2021. María Natividad Martínez Márquez e Teresa Ríos Noya, con 38 e 36 libros, quedaron en segundo e terceiro posto, respectivamente.

    O Concello e a biblioteca agasallaron a todas as usuarias e usuarios premiados cun lote de libros, varios marcapáxinas e aumentando durante todo o ano 2022 a súa capacidade para levar máis libros prestados, pasando dos 5 habituais a 8. Ademais, Enma González e Iván Rocha, os primeiros de cada categoría, foron nomeados socia e socio de honra da biblioteca municipal de Ponteareas.

    Con esta iniciativa o Concello busca render homenaxe a todas as persoas que desfrutan da biblioteca municipal, ao tempo que “fomentamos a lectura entre toda a veciñanza. Queremos trasladar os nosos parabéns a todas e todos os premiados e convidar ás ponteareás e ponteareáns a que se acheguen á biblioteca e coñezan este lugar onde poden divertirse no seu tempo de lecer”, asegurou o edil de Cultura, Fernando Groba.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.