Sábado, 3 Maio de 2025

Dez deportistas representarán a Ponteareas nos Xogos do Eixo Atlántico que se celebrarán en Maia

A cita reunirá a máis de 2400 participantes. O concelleiro de Deportes despediu hoxe á delegación, composta por nadadoras e nadadores do CN Ponteareas

Ponteareas contará con representación na nos XIV Xogos do Eixo Atlántico, que se celebrará durante toda esta semana na cidade portuguesa de Maia. Dende este mesmo luns ata o vindeiro 8 de xullo, máis de 2400 participantes reuniranse para disputar este evento deportivo transfronteirizo que retoma a normalidade tras a pandemia.

A delegación ponteareá, composta por dez nadadores e nadadoras do CN Ponteareas acompañados de técnicos, participarán este luns na xornada inaugural desta edición e competirán este martes 5 nas categorías de natación e natación adaptada. Como é habitual nesta cita, esta edición integra modalidades de deporte adaptado que contarán coa participación de 200 persoas e coas que se busca eliminar barreiras e fomentar a participación deportiva de toda a mocidade.

O concelleiro de Deportes, Miguel Bouzó, despediu onte ao grupo de participantes ponteareáns, aos que lles desexou “moita sorte durante a competición”, pero tamén que “gozaran dos bos momentos deportivos que van experimentar e da convivencia con outras e outros deportistas dos municipios galegos e lusos que integran o Eixo Atlántico”.

Con récord de participación, nesta nova edición estarán representadas 28 cidades do Eixo Atlántico: ademais de Ponteareas, competirán deportistas de Lugo, Ourense, Carballo, O Barco de Valdeorras, Pontevedra, Monforte de Lemos, Vilagarcía de Arousa, A Coruña, Sarria, Santiago de Compostela, Vigo, Maia, Matosinhos, Gondomar, Bragança, Famalicão, Vila Nova de Gaia, Vila Real, Peso da Régua, Valongo, Braga, Barcelos, Viana do Castelo, Santa María da Feira, Amarante, Guimarães e Póvoa do Varzim.

Dende a súa orixe en 1995, con esta competición o Eixo Atlántico procura promocionar o deporte, a convivencia entre a mocidade e, tamén, un mellor coñecemento entre a cidadanía das dúas rexións. Os Xogos organízanse cada dous anos e constitúen un evento deportivo transfronteirizo único en Europa.