Venres, 2 Maio de 2025

Cruz Vermella organiza unha actividade en Ponteareas con motivo do Día Internacional das Persoas de Idade

O 1 de outubro celebrouse o Día Internacional das Persoas de Idade. Para conmemorar ese día, Cruz Vermella Española en Ponteareas realizará o sábado 7 na Praza Maior, unha actividade de sensibilización en horario de 10.30 a 13.30 horas.

Cruz Vermella leva máis de trinta anos desenvolvendo programas destinados a este sector da poboación co obxectivo de mellorar a calidade de vida das persoas maiores no seu proceso de envellecemento, reducindo as desigualdades de xénero identificadas e en novas áreas que ata o de agora non eran tan evidentes como a soidade, falta de autonomía persoal, deterioración cognitiva, abuso ou neglixencia, a pobreza etc. E tamén nas circunstancias que lles rodean (contexto social e familiar, conxuntura socioeconómica…etc).

Na comarca de Condado hai máis de 30 persoas que realizan a súa actividade voluntaria con persoas maiores. No ano 2022, Cruz Vermella Española atendeu a máis de 300 persoas maiores nos diferentes programas que ten en marcha, como son: axuda a domicilio complementaria, Rede social para persoas maiores (Enred@te), Promoción do envellecemento saudable e Atención a persoas con funcións cognitivas deterioradas

A intervención actual de Cruz Vermella con persoas maiores está dirixida a: aumentar a capacidade da súa autonomía persoal, manter e mellorar as súas funcións cognitivas, reducir a soidade e o illamento social involuntario, incorporar e mellorar hábitos saudables, impulsar o envellecemento activo, mellorar a súa protección e a súa capacidade para afrontar posibles situacións de malos tratos, así como coidar e apoiar a quen coida de persoas maiores. Cruz Vermella traballa coas persoas maiores para mellorar o seu benestar emocional e restaurar as súas conexións sociais.